Skip to main content
Begonte

Músico Crisanto anuncia as súas novas dotacións en Baamonde

Por 4 Marzo, 2021Marzo 5th, 2021Sin comentarios

A Asociación Músico Crisanto, que xestiona as escolas musicais de Outeiro de Rei, Begonte e Rábade, está a anunciar aos seus alumnos as novas instalacións coas que contarán o próximo ano para desenvolver o ensino, no colexio de Baamonde.

“As nosas Escolas de Música Mancomunadas, coa súa vintena de profesores-as especialistas e demais docentes asistentes e colaboradores-as, dende anos atrás, asumen con inquebrantable tesón o reto de contribuir con Cultura á revitalización e harmonización do noso rural, esencialmente arredor da formación e actividades musicais”.

Como lembran, son un caso pioneiro en Galicia, nun ámbito de acción supramunicipal, ao conformarse como asociación sen ánimo de lucro, integrada dende a súa fundación por pais de alumnos e socios colaboradores da veciñanza de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, e mesmo doutras localidades próximas. O seu obxectivo é “realizar unha achega formativa digna a cada recuncho dos nosos pobos”.

Defenden a súa xestión decindo que “atesuramos un dos máis númerosos claustros de profesores da nosa comunidade, ofrecendo contrato a xóvenes titulados superiores das máis diversas especialidades instrumentais, nun sector especialmente castigado polo desemprego. Este singular esforzo pola optimización dos recursos públicos describe con nitidez o compromiso dos responsables institucionais de tres concellos exemplares na salvagarda da Cultura, que a propia Deputación Provincial de Lugo e Xunta de Galicia recoñecen como proxecto mancomunado merecedor de especial protección”.

“Coñecedores da dificultade de xestionar tódalas necesidades da sociedade nunha coherente planificación, valórase a concienzuda análise e posta en valor exhibidas polas diferentes administracións actuantes en cada trámite relacionado co transcendental proxecto de Escolas-Conservatorio planificado para Baamonde”, explican.

Ademais do ensino, promóvese a participación na vida cotiá da poboación da contorna destas aulas. Faise, principalmente, a través das diferentes agrupacións: Banda da Escola, Banda Sinfónica Sons e Soños, Banda de Gaitas Sons da Chaira, Coro da Asoc. Músico Crisanto, Murajazz Big Band, Young Murajazz Big Band e Tirapadiante, Grupo Tradicional.

Indican que este novo centro educativo abrirase ao público no vindeiro curso provisto de aulas equipadas e acondicionadas acusticamente para o desempeño dunha formación de óptima calidade. Trátase de instalacións que van converterse, co seu auditorio, nunha das sedes máis dotadas das Escolas Mancomunadas de Música en convivencia co incipiente centro adicado á formación profesional de músicos-as. “Este ambicioso proxecto formativo-cultural nace con vocación de integrar, sumar e revitalizar unha área cun amplo radio de acción, co seu centro en Baamonde”, conclúen.