Skip to main content
Abadín

Abadín entrega os primeiros 60 kilos de grelos da venda on line

Por 5 Marzo, 2021Sin comentarios

A plataforma Expogrelo.com, posta en marcha polo Concello de Abadín, xa enviou onte os seus primeiros pedidos de grelos con garantía de orixe e procedente da venda on line.

Deste xeito, faise historia neste Concello ao centralizar a venda deste produto desde o Concello, que se encarga da distribución tras o financiamento da posta en marcha desta páxina.

Así, os primeiros 60 quilogramos de grelos macharon onte aos seus lugares de destino, distintos lugares da península, nunhas caixas deseñadas específicamente para o seu transporte.

Aínda que chegará a distintas partes, este produto de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) tivo a maior demanda en lugares de proximidade como Outeiro de Rei, Burela, Cervo, Lugo ou mesmo Cedeira, aínda que tamén ten demanda dende Bilbao ou mesmo Málaga.

 

Os primeiros paquetes da venda de grelos

A posta en marcha desta iniciativa estivo condicionada pola suspensión da Feira do Grelo, que todos os anos centraliza en Abadín a venda deste produto de grande fama. A situación sanitaria foi o condicionante para que se eliminase a feira e buscaron esta opción para darlle saída á produción de tempada.

Un total de 14 produtores do municipio déronse de alta inicialmente na plataforma, na que se espera que se vaian incorporando máis, posto que aínda que a iniciativa xurdiu a raíz da pandemia, o Concello quere mantela no tempo e ir incorporando novas ofertas e servizos.

As madas de grelos véndense polo momento a 2 euros e os ingresos van directamente aos produtores malia que a web centraliza a produción. Ademais, a aplicación permite elixir ao greleiro ao que lle quere comprar os grelos e na propia web xa se indica se este dispón ou non de existencias.

A loxística está centralizada polo momento no campo da feira de Gontán, dende onde o Concello reúne os envíos para facilitar esta tarefa, para o que contratou unha empresa de transportes para o reparto.