Skip to main content
Begonte

O Concello quita á asociación veciñal de Baamonde o acceso ao local social

Por 3 Marzo, 2021Marzo 4th, 2021Sin comentarios

A asociación de veciños Montenegro de Baamonde, que liderou xunto coa anpa, as protestas contra o peche do colexio da localidade, vén de quedar sen local social, tal e como aseguran dende o centro “como represalia pola defensa do colexio e outras”.

Segundo explican levan reuníndose no local social dende hai catro anos e estes días non puideron acceder ao mesmo xa que o Concello cambiou o peche “sen avisar”.

Defenden ademais que teñen unha concesión por dez anos do local social e que foron eles os que o arranxaron polo que estudan demandar ao alcalde por esta decisión xa que dentro do local hai mobiliario e ordenadores que pertencen á asociación.

Pola súa banda, dende o Concello dixéronlles que o papel que firmaron “era para unha subvención das obras (coa gravidade desto que din) e que decidiron cambiar o sistema”.

Polo tanto os veciños aseguran que o alcalde, José Ulla, ten un “comportamento mezquino” e que está permitindo que “desmantelen o pobo”.

Segundo din, Agora, o Concello obrígalles a ir buscar a chave á casa consistorial cada vez que alguén queiran facer uso das instalacións, sexa para utilizar o material que teñen alí gardado, sexa para facer unha xuntanza, sexa para xogar unha partida á brisca.

CAIXEIRO AUTOMÁTICO

A asociación, ademais, están recollendo firmas tamén contra o peche da sucursal bancaria e do único caixeiro automático que hai na localidade, que se producirá este venres, 5 de marzo.

“Facemos un chamamento a toda a veciñanza de Baamonde, Bóveda, Carballido, Pacios, Pígara, Pedrafita, Soaxe, Roca e Vilariño neste novo golpe ao desmantelamento dos servizos esenciais do rural”, din os veciños, que aseguran que están a realizar, xunto as comunidades de montes, empresas e particulares da contorna, trámites para conseguir o asentamento doutra axencia bancaria e dun caixeiro automático.