Skip to main content
Begonte

As familias de Baamonde levaron a súa protesta a Santiago

Por 10 Marzo, 2021Sin comentarios

As familias de Baamonde, apoiadas por algunhas de Guitiriz e da contorna, chegaron ata as portas do Parlamento en Santiago para protestar pola decisión de pechar o colexio de Baamonde, reunificándoo co que de Begonte, para poñer no seu lugar un conservatorio cando a intención deles é que podan coexistir ambas ideas no mesmo centro.

Votábase onte no Parlamento a iniciativa socialista para impedir que a Xunta desafectase o centro dado que o número actual de alumnos se sitúa seis veces por enriba do critero establecido para pechar un centro educativo en Galicia.

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, foi o encargado de defender esta moción que cualificou de “inadmisible” que o PP apoie a decisión do alcalde de Begonte de pechar o CEIP de Baamonde e desprazar a tódolos alumnos ao outro centro do Concello para implantar, segundo el asegura, un Conservatorio Profesional de Música. Álvarez presentou unha proposición non de Lei contra este “despropósito” no Pleno do Parlamento.

O portavoz socialista advertiu que a decisión “non ten o mínimo soporte racional, organizativo nin económico”, e explicou que o Concello, cun orzamento de 2,77 millóns, quere albergar un conservatorio que en Viveiro custa 1,84 millóns de euros. Apuntou que se trata dun “caso único en Galicia, España e a parte coñecida do mundo civilizado” onde un alcalde queira pechar un centro educativo “cando o que se defende é o contrario”.

 

Luis Álvarez apelou ás nais e pais de alumnos concentradas fora do Parlamento reclamando que se manteña o centro logo de asistir ao veto do dereito de solicitude de admisión de nenos e nenas de Baamonde, unha “barbaridade dende o punto de vista legal” que conculca a liberdade de elección de centro. Dixo que “non merecen este trato” cando dende a inspección educativa apuntan aos pais e nais que “hai que falar co alcalde”.

O responsable socialista concluíu pedíndolle ao PP que “cando vaian votar imaxinen que o alcalde quere pechar un colexio con 30 alumnos –seis veces o mínimo para pechar un centro en Galicia-, que ten un proxecto sen ningún sentido, que conta coa complicidade do goberno autonómico, e antes de darlle ao botón pensen que farían se o alcalde fora do PSdeG”.

VOTOS A FAVOR

Aínda que a votación terá lugar hoxe, o PP xa anunciou que botará a favor do plan eductivo de Begonte. O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, asegurou que a unión dos centros de ensino “resultará beneficiosa para o alumnado, xa que poderá crearse un aula para cada nivel educativo mellorando o funcionamento do centro, compatibilizando a racionalización da oferta educativa e o uso eficiente dos recursos coa calidade do ensino”.

Ovidio Rodeiro lembrou que a proposta de reorganización das dúas escolas de infantil e primaria “partiu do propio Concello de Begonte, que o aprobou por maioría absoluta no seu Pleno municipal”. “Esta decisión supón unha aposta por mellorar a prestación do servizo evitando agrupamentos de alumnos de diferentes idades nunha mesma aula”, sinalou.

“Esta reorganización permitirá que os 95 alumnos agrupados tamén vexan reforzado o actual número de docentes e gozando de máis oportunidades de acceso a máis programas educativos”, apuntou.

Ademais, o portavoz popular salientou “o compromiso da Xunta de realizar o maior investimento público en materia educativa dos últimos anos no concello de Begonte: 600.000 euros para a rehabilitación integral do CEIP Virxe do Corpiño, facendo un centro moito máis confortable para ser utilizado pola totalidade da comunidade educativa”.

Rodeiro manifestou, por último, que esta reorganización do alumnado “permitirá deixar para outros usos as instalacións educativas situadas na parroquia de Baamonde, logo da correspondente desafección do edificio”. En concreto, recordou que o propio alcalde xa anunciou que estas instalacións “terán un fin educativo, xa que servirán para albergar un conservatorio de música, creado a partir da Escola de Música Músico Crisanto”.