Skip to main content
Begonte

O PP acusa á Deputación de negar información sobre as naves de Begonte

Por 22 Marzo, 2021Sin comentarios

O portavoz popular, Javier Castiñeira, denuncia “un novo capitulo de opacidade e escurantismo caciquil do señor Tomé”. Di que “é absolutamente inaceptable que dende o goberno provincial se poñan trabas á labor da oposición que pretende facer o Partido Popular, para fiscalizar e controlar o traballo do goberno”.

O portavoz popular explica: “Referímonos a dúas contestacións que nos deron a semana pasada dende o goberno provincial, que serían absolutamente cómicas, senón fora porque rozan o disparate político”. Castiñeira indica que nunha das respostas “denéganos o noso dereito, que tamén é obrigación, de coñecer o estado das instalacións provinciais; en concreto rexeitan o permiso solicitado para visitar a nave que foi de Manuel mallo en Begonte; é algo que pedimos reiteradas veces, porque está abandonada por  socialistas e nacionalistas, que argumentan a súa negativa recoñecendo non saber o estado no que se atopa a nave e dicindo que, polo tanto, tampouco o pode saber a oposición”.

Castiñeira declara: “Esta mesma semana denégannos a posibilidade de coñecer onde estivo a maquinaria do Parque Móbil Provincial e o persoal de Vías e Obras nestes dous primeiros anos de goberno bipartito, e canto tempo investiron en cada traballo e, por extensión, en cada concello. O argumento que utilizan neste caso aínda é máis marxista que o anterior, e dicimos marxista por ser máis propio dos Hermanos Marx que dun goberno responsable dunha institución tan importante. A escusa para non darnos ese dato, que sería moi relevante para demostrar que non hai un reparto equitativo é que non levan o control dende o Parque Móbil”.

Para os populares, “é absolutamente inaceptable que a Deputación responda con evasivas tan ridículas, moi graves posto que se recoñece un descontrol dos traballos que fai o persoal e maquinaria provincial, que supoñen centos de miles de euros ao mes, simplemente por non asumir que Vías e Obras traballa baixo criterios políticos e non de necesidade”.

Castiñeira di que “Tomé mentiu na súa investidura, cando prometeu transparencia e mellorar a imaxe con respecto ao mandato de Darío Campos; ao contrario está pasando as súas peores horas como presidente da Deputación”. Sinala: “Goberna cun estilo absolutamente arcaico e pouco transparente, cun labor pésimo como delegado de Vías e Obras, recoñecendo descontrol, falta de previsión, abandono e unha subxectividade  nas decisións que roza o surrealismo”.

Castiñeira lanza un aviso moi claro: “Non imos cesar, señor Tomé, no noso labor de oposición, porque os lucenses queren saber como desgoberna e como selecciona discriminatoriamente por cores políticos aos concellos; o PP é unha oposición que non admite respostas de escola infantil e que vai demostrar como vostede ten abandonados á metade de lucenses que decidiron maioritariamente que os gobernase un alcalde popular”.