Skip to main content
Begonte

A Fapacel comeza unha campaña contra o peche do Ceip de Baamonde

Por 31 Marzo, 2021Sin comentarios

A Federación Provincial de Anpas de Lugo (Fapacel) anunciou o inicio dunha campaña en redes sociais para evitar o peche do colexio de Baamonde. Segundo lembran, este centro xa non estará operativo o próximo ano despois de que a Xunta aceptase o reto do alcalde deste municipio, José Ulla, de unificar o alumnado dos centros en Begonte e levar aí un conservatorio de música.

Isabel Calvete, presidenta da Fapacel, destacou que as reivindicacións dos pais de Baamonde están apoiadas pola federación provincial e tamén polas Anpas de Galicia. “Unha campaña para solidarizarnos cos pais de Baamonde e imos tentar que non se chegue a esta barbaridade de pechar un colexio porque si, un colexio do rural, e coa campaña esperamos chegar a toda Galicia”, explicou.

Explica tamén que esperan que a Consellería de Educación dea marcha atrás escudándose en que “isto é unha incongruencia total e non hai argumentos que xustifiquen esta decisión”.

A Fapacel respaldará todas as accións de protesta que emprendan os pais de Baamonde, “tanto se deciden manifestarse ou encadearse ao colexio como fixeron días atrás”. “Tanto as Anpas de Lugo, como de Galicia, apoiamos aos pais deste colexio porque teñen razón e hai que facer ver a barbaridade que pasa neste século porque si. O rural hai que defendelo doutra forma”, protestou a presidenta de Fapacel.