Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

O alcalde de Friol avanza con Feijóo vías de colaboración

Por 23 Marzo, 2021Sin comentarios

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, analizou hoxe co alcalde de Friol, José A. Santos Sánchez, as posibles vías de colaboración entre a Xunta e o concello.

Na reunión, que tivo lugar no Parlamento de Galicia, abordaron a situación do proxecto de saneamento no núcleo de Roimil que levará a cabo por valor de 280.000 euros, no que Augas de Galicia achegará o 80% e o concello confinanciará o 20%. Neste sentido, destacouse o feito de que a supervisión do proxecto está xa rematada e o concello ten no seu haber desde a semana pasada o borrador de convenio de colaboración.

Así mesmo, tamén avanzaron no estado doutros temas como a concentración parcelaria de Seoane. O pasado 18 de marzo xa se publicou no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública o estudo previo de iniciación da zona de reestruturación parcelaria.

Ao longo do encontro tamén avaliaron a colaboración da administración autonómica no concello no ámbito social, como son os máis de 310.000 euros que achega a Xunta por 32.076 horas anuais no marco do Servizo de Axuda no Fogar, que en febreiro de 2021 a ratio de atención ERA do 95%, ou a reforma do centro social no que o Goberno galego investiu 400.000 euros.

No eido das infraestruturas, abordaron a mellora da estrada LU-231 Friol-A Baiuca. Os traballos para o primeiro subtreito xa foron licitados este mesmo mes e agárdase que as obras comecen no verán. Ademais, tamén destacaron a senda peonil na LU-232 que conecta o polígono industrial a Gándara-Baiuca coa entrada á travesía de Friol, rematada en febreiro do pasado ano, cun investimento de 230.000 euros.