Skip to main content
Guitiriz

O Concello de Guitiriz modifica o ICIO para favorecer ao sector primario

Por 23 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello de Guitiriz levará ao pleno do próximo xoves, 25 de marzo, unha proposta de modificación do ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) co obxectivo de favorecer ao sector primario e fomentar o emprego.

Por unha banda, auméntanse os supostos no apartado das bonificacións, que na ordenanza vixente só se contemplan construcións, instalacións ou obras de interese social. Neste caso a actualización céntrase, entre outros aspectos, no aumento da bonificación para as explotacións do municipio que poderán reducir ata o 90% a cota do seu imposto e tamén favorecerán a aquelas construcións, instalacións ou obras que permitan xerar máis postos de traballo, podendo chegar a bonificación ata o 75%.

Pola outra, adaptouse a taxa pola apertura de naves, locais ou establecementos para que pase a pagarse segundo o tipo de actividade de que se trate xa que se entende que o rendemento que sacan por metro cadrado segundo os diferentes usos non é o mesmo.

Por exemplo, un uso comercial ou terciario, con moita menos superficie, conta cun rendemento económico maior que un uso industrial ou agropecuario, dado que estes últimos requiren de grandes dimensións para a produción e/ou almacenamento dos produtos derivados da súa actividade ou, no caso das explotacións agropecuarias, instalacións dedicadas exclusivamente á garda e coidado de animais e maquinaria.

Así, a apertura de naves, locais ou establecementos con usos agropecuarios e forestais pasarán de pagar unha taxa de 0,80 €/m2 a aboar 0,25 €/m2, os de equipamentos e os industriais e artesanais terán unha taxa de 0,50 €/m2 e os de uso terciario manteñen a cota inicial de 0,80 €/m2.

Ademais, non se computarán aos efectos da superficie construída os silos, fosas, soleiras, plataformas, esterqueiras e outras construcións e instalacións auxiliares análogas, necesarias para o desenvolvemento da actividade por cumprimento de medidas ambientais, de salubridade e/ou de xestión de residuos.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que “con esta modificación transformamos en feitos a nosa proposta electoral de apoio ao sector primario do municipio, que será o máis beneficiado co cambio, e fomentamos o emprego favorecendo a creación de novas explotacións e outras empresas”.

Outros asuntos do pleno

Na sesión plenaria ordinaria deste xoves tamén se tratará a redución do imposto para as terrazas, a aprobación do plan estratéxico de subvencións, a aprobación inicial do regulamento orgánico e un recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar facturas doutros exercicios que aínda non foran enviadas.