Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz esixirá á Xunta unha aclaración sobre o futuro dos alumnos de Baamonde

Por 27 Marzo, 2021Marzo 28th, 2021Sin comentarios

Os grupos políticos que forman a corporación do Concello de Guitiriz aprobaron onte en pleno por unanimidade unha moción presentada polo PSOE de Guitiriz para reclamar á Xunta de Galicia que garanta ás familias do Ceip de Baamonde os dereitos que lle son recoñecidos na lexislación vixente.

No texto da moción explícase que, dos 30 nenos e nenas que estudan no centro, a metade forman parte de familias residentes en Guitiriz e están “totalmente desinformadas, sen que por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ninguén se interese por reunirse e dar información veraz acerca da situación deses nenos e nenas de cara ó vindeiro curso 2021/2022”.

Ademais, maniféstase que “non se entende que sexa o alcalde dun Concello, os responsables dunha Consellería, ou o delegado da Xunta en Lugo os que decidan polas familias do noso Concello cal é a mellor opción educativa para os seus fillos e fillas”.

No escrito critícase que, na contestación á anpa por parte do servizo de Inspección Educativa da Xefatura Territoria de Lugo se diga que “se son centros dun concello distinto non terán dereito a transporte escolar e terán que aboar a totalidade do importe correspondente ao comedor escolar” xa que “isto non é así porque a Lei garántelles ás familias poder elixir un colexio situado no mesmo Concello onde eles residen e obriga a garantirlles tanto o transporte como o dereito ao comedor de xeito gratuíto”.

Polo tanto, solicítaselle á Xunta de Galicia:

  • Que garanta os dereitos que a Lei outorga ás familias do noso concello, o dereito a ser informados de todas as súas posibilidades, e o dereito a unha educación de calidade para os seus fillos.
  • Que garanta a continuidade das escolas existentes no medio rural e impulse un plan de traballos de mantemento e mellora das súas instalacións, dotacións de medios pedagóxicos e acceso do alumnado ás novas tecnoloxías.
  • Que ofreza información veraz a todas as familias usuarias do CEIP de Baamonde, de todo o proceso que se ven anunciando hai uns meses por parte do alcalde do Concello de Begonte.

Outros asuntos do pleno

Na sesión plenaria tamén se aprobou, por unanimidade, os seguintes puntos: a modificación das bonificacións do ICIO e a das taxas de apertura de naves, locais ou establecementos para favorecer ao sector primario e fomentar o emprego; a suspensión da taxa das terrazas; o regulamento orgánico municipal; un recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar facturas doutros exercicios que aínda non foran enviadas e o plan estratéxico de subvencións.

Ademais, aprobouse unha moción do BNG sobre a reclamación dos bens de uso público que a igrexa católica rexistrou ao seu nome de xeito indebido cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención do PP.