Skip to main content

En Castro de Rei confeccionan mobiliario urbano de madeira para diferentes espazos públicos, mentres que en Cospeito pavimentan vías de Feira do Monte e Muimenta.

O delegado Javier Arias visitou ao alumnado-traballador en Outeiro de Rei

As persoas participantes no obradoiro de emprego Santa Isabel IV, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 347.000 euros, están a traballar desde finais de decembro na mellora de servizos e espazos públicos dos concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou ao alumnado-traballador en Outeiro de Rei, onde se ocupan da organización e dixitalización dos fondos do arquivo municipal co fin de facilitar o manexo e conservación da documentación. O proxecto inclúe a creación dunha base de datos da información almacenada, o que fará máis sinxelo o acceso aos documentos para a súa consulta.

En canto ás actuacións promovidas polos demais municipios, en Castro de Rei o taller confecciona elementos de madeira e moble para espazos públicos. Elaboran mobiliario urbano diverso, como cadeiras, bancos e papeleiras de madeira, así como módulos para cubrir os colectores do lixo.

Por último, en Cospeito están a pavimentar vías urbanas de Feira do Monte e Muimenta. En concreto, melloran a rúa e praza Virxe do Monte, a rúa Daniel Castelao, a travesía da Terra Chá e o Camiño da Igrexa de Muimenta.

Arias explicou que o obradoiro forma a 20 persoas alumnas e imparte tres módulos: operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, con 6 participantes; traballos de carpintaría e moble (7 participantes) e operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización (7 participantes). Conta con cinco postos de persoal de dirección, administración e docentes.

A duración do taller é de nove meses e unha vez completado, o alumnado poderá acreditar a formación cun certificado de profesionalidade válido en toda España. “Os obradoiros conxugan teoría e práctica en especialidades que teñen demanda por parte das empresas, polo que constitúen unha boa vía de acceso ao mercado laboral”, apuntou Arias.

Salientou ademais que a creación de emprego é unha prioridade para a Xunta, que este ano destina  4,8 millóns de euros a financiar 14 obradoiros duais en 40 municipios lucenses, que supoñen a contratación de 341 persoas.