Skip to main content
A PastorizaAgro TERRACHÁXA

Ángeles Vázquez defende as axudas do lobo na Pastoriza

Por 3 Marzo, 2021Sin comentarios

A conselleira visitou unha explotación na Pastoriza

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que a Xunta de Galicia incrementou nun 61,5% o orzamento destinado ás axudas para paliar os danos que provoca o lobo, co fin de compatibilizar a existencia desta especie coa gandaría extensiva.

Así o recordou durante unha visita realizada a unha explotación na Pastoriza, onde recordou que os gandeiros que denuncian ditos ataques a través do 012 e -unha vez se constatan os danos- poden solicitar axudas e que para a presente convocatoria se establece un orzamento de case 650.000 euros para paliar os danos que provoca o lobo, fronte aos 400.000 destinados no ano anterior; polo que nos dous últimos anos se destinou máis 1 millón de euros en axudas para paliar os danos.

Salientou que estas non son as únicas subvencións que se convocan, pois os gandeiros tamén poden acceder a unha liña de incentivos para previr os danos, coas que se pode financiar a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada. Así, nos últimos cinco anos, a Xunta reservou dez millóns de euros para previr e paliar os danos que provoca a fauna silvestre -lobo, xabaril e oso-.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que deste xeito a Xunta cumpre co compromiso adquirido co sector agrogandeiro, tomando medidas para protexer o mundo rural, publicando as axudas de prevención e danos das especies cinexéticas, buscando un equilibrio entre a xestión da especie e a actividade agrogandeira, cunha gran relevancia e peso na economía de Galicia.

Nese sentido, denunciou que o futuro destas explotacións será máis incerto coa medida que está a impulsar o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a inclusión do lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Unha decisión á que a Xunta se opón porque non implicaría unha mellor xestión do lobo, pero si grandes consecuencias para esta actividade clave no eido rural, por ser fonte xeradora de alimentos e ferramenta na loita contra o despoboamento.

A conselleira explicou que o departamento que dirixe, en colaboración e coordinación coas outras tres rexións ao norte do río Douro, están facendo o posible para que o Ministerio recapacite e pondere as consecuencias da súa decisión.

Por iso, as catro comunidades acordaron formar un comité técnico-científico para coordinar as medidas de xestión do lobo ibérico e tamén trasladaron directamente á ministra Teresa Ribera unha solicitude para liderar a estratexia nacional para a conservación do lobo Ibérico, por dúas razóns de calado: son os goberno autonómicos os que contan cunha maior información e cos coñecementos necesarios para controlar de maneira adecuada a especie e, no caso de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, as que acumulan á maioría de exemplares que existen en España.

Asemade, tamén presentou alegacións á Orde Ministerial que se esta tramitando co fin de que o Goberno de España paralice o proceso e manteña o actual status legal das poboacións de lobo; unhas circunstancias e razóns que tamén se queren abordar nunha reunión extraordinaria da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, solicitude que foi traslada oficialmente o pasado 25 de febreiro e que polo momento non foi respondida por parte do Ministerio; co fin de reiterar o pronunciamento sobre a necesidade de paralización da inclusión do lobo no Lesrpe.

Por último, a conselleira recordou que en Galicia desde hai máis dunha década existe unha folla de ruta que protexe e garante o equilibrio entre a poboación do lobo e a actividade económica, o Plan de xestión. Unha ferramenta de xestión que mantén unha poboación estable e compatible coa existencia da gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias, adoptando medidas preventivas e establecendo liñas de axudas para paliar os danos causados por esta especie. Lembrou que as accións de caza que se permiten son só unha ferramenta das que dispón a Xunta para xestionar no eido das súas competencias esta especie silvestre e destacou que hai anos que só se autorizan accións cinexéticas de forma excepcional, cun estudo previo e avalado polos técnicos da Consellería, e sempre tras constatar danos causados por lobos sobre a gandaría.