Skip to main content
A Pastoriza

Comezan na Pastoriza as obras do camiño do depósito de Corvelle e as da traída a Paraxe

Por 15 Marzo, 2021Marzo 17th, 2021Sin comentarios

Obras da vía de acceso ao depósito de Corvelle

O Concello da Pastoriza vén de poñer en marcha as obras do camiño que dá acceso ao depósito de auga de Corvelle, no barrio da Rebolada. Ten destinados a este fin un total de 23.000 euros e os traballos ofrecerán faciliadades non só aos veciños da zona, senón tamén para o control do depósito.

Tamén deron comezo as obras da traída de auga no lugar de Paraxe coas que se pretende solventar as numerosas incidencias que se estaban dando no servizo de abastecemento e poder ofrecer un servizo de mellora. Estes traballos teñen un orzamento de 33.000 euros.

Así mesmo, o Concello continuará co labor de colocación de suxeitacontedores nas distintas parroquias do termo municipal, especialmente no límete coas estradas. Segundo indicou o voceiro socialista, Constantino Fernández Leira, levan colocados máis dun cento.

Por outra banda comezaron co proceso de cambio de luminarias ao sistema de lámpadas LED para o aforro enerxético e mellorar a capacidade lumínica. Estes cambios estanse a facer nas distintas parroquias e está subvencionado con fondos do Idae.

OUTROS TRABALLOS

Por outra banda, procedeuse a realizar diferentes traballos con cargo aos operarios municipais. Así, amañouse o peche da Igrexa en Lagoa e nesa mesma parroquia procedeuse á limpeza das cabinas de transporte.

Tamén fixeron traballos de drenaxe no canal na parroquia de Álvare, así como labores de limpeza na igrexa de Loboso, nas beiras do camiño na Igrexa de Lagoa, no depósito de Toucido, na parroquia de Úbeda, e a roza na praia fluvial de Baltar e a súa carballeira.

No tocante a traballos finalizados, rematou a obra da estrada que une os barrios de Rea da Cruz con Lousadal, na parroquia de Álvare, unha obra financiada pola Deputación Provincial.