Skip to main content
A Pastoriza

A Pastoriza aproba un orzamento de 2,8 millóns de euros

Por 26 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello da Pastoriza aprobou no último pleno ordinario o orzamento municipal para 2021, que ascende a 2.810.000 euros, unha cifra moi similar á dous últimos anos. As contas foron aprobadas co apoio do BNG e a abstención do PP.

A principal partida deste orzamento, preto de medio millón de euros, vai encamiñada á axuda a domicilio, ás axudas para a compra de libros de texto, material escolar e transporte para os rapaces que estudan fóra da Pastoriza. Así mesmo haberá unha partida destinada para axudas ás empresas afectadas pola covid. Neste grupo tamén se inclúen as subvencións nominativas a asociacións culturais e deportivas.

O Concello destinará 400.000 euros a gastos de persoal e esperan contar con axudas doutras administracións tamén por valor de medio millón de euros.

O pleno tamén aprobou por unanimidade unha ordenanza de venda ambulante, mercados e feiras, aproveitando estes tres meses nas que estiveron suspendidas pola pandemia e que volverán a celebrarse no mes de abril. Así, volverá a actividade o primeiro sábado de cada mes á Pastoriza, o segundo sábado a Bretoña e, o último, a Reigosa.

Tamén saíu adiante a iniciativa que permitirá solicitar a desafectación das antigas escolas de San Cosme de Piñeiro, Crecente, Bretoña, Saldanxe, A Rigueira, Corvelle, Álvare, Úbeda, Vián, Fonmiñá, Baltar, Pousada e Reigosa. Estes inmobles foron arranxándose e destinándose a uso social e como vivendas. Segundo explicou Elva Carreira, sacarase a concurso o acceso a seis máis.