Skip to main content
As Pontes

O conservatorio das Pontes xa ten un plan de igualdade de xénero

Por 9 Marzo, 2021Sin comentarios

O claustro do Conservatorio Profesional de Música das Pontes aprobou onte o seu primeiro Plan Estratéxico de Igualdade de Xénero que ten por obxectivo velar pola igualdade, eliminar as situacións de discriminación e promover a loita contra a violencia de xénero no centro.

Tania Pardo, responsable da área de Educación do Concello das Pontes sinala a importancia deste documento xa que “a educación é un dos principais instrumentos para acadar a igualdade entre mulleres e homes e para potenciar o papel da muller na sociedade, non só os contidos educativos senón tamén a forma de transmitilos.  Este plan ten como obxectivo servir de referente a toda a comunidade educativa co fin de abordar a temática da coeducación e a prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva estrutural, integral e transversal e recolle, e forma sistemática, as medidas que se van a desenvolver nas diferentes áreas do ámbito educativo dirixidas a alumnado, profesorado e equipos de orientación”.

O I Plan Estratéxico de Igualdade de Xénero do Conservatorio Profesional de Música das Pontes está prantexado desde un enfoque transversal que conleva a incorporación da perspectiva de xénero en todas as accións postas en marcha polo centro así mesmo incorpora medidas e actuacións concretas que poñen o acento na necesidade de visibilizar ás mulleres e a súa contribución ao desenvolvemento das sociedades, poñendo en valor o traballo que, histórica e tradicionalmente, realizaron e a súa loita pola igualdade.

Todas as medidas e actuacións educativas deste Plan diríxense ao conxunto da comunidade educativa entendendo que educar en igualdade de xénero require da intervención en cada unha das persoas que a conforman para corrixir os desaxustes producidos polos desiguais papeis tradicionais asignados e a súa xerarquización ademais todas elas están encamiñadas a impulsar a paridade a través do deseño de percorridos formativos comúns dirixidos á construción social con participación equitativa e xusta de ambos sexos.

Así,  entre as medidas que se porán en marcha nos vindeiros anos destaca a promoción do uso dunha linguaxe non sexista a través da revisión, desde unha perspectiva de xénero, de todos os documentos do centro (cartaces, programas, comunicacións, web e as programacións dos diferentes departamentos)

Asemade poranse en marcha actividades de reflexión nas aulas sobre como crear unha sociedade máis xusta e igualitaria, que o sentido crítico lévelles a romper cos roles impostos e lévelles a unha vida máis rica e máis variada, fomentarase o coñecemento do papel da muller no mundo da música, achegando ao alumnado información sobre mulleres compositoras e as dificultades que atoparon para exercer o seu labor debido ao machismo da época.

Tamén se porán en marcha actividades que perseguen a visibilización das problemáticas específicas das mulleres e nenas derivadas da súa discriminación histórica e impulsarase a oferta de actividades formativas no ámbito da igualdade e da violencia de xénero, así como no da diversidade afectiva e sexual, entre outras cuestións.

O plan será avaliado de xeito continuo para valorar o nivel de consecución dos obxectivos específicos propostos, os recursos empregados, o grao de participación da comunidade educativa.  Este documento, tras a súa aprobación polo claustro do Conservatorio Profesional de Música das Pontes, será remitido ao consello escolar do centro para a súa avaliación e aprobación definitiva.