Skip to main content
As Pontes

As Pontes volve paralizarse contra o peche de Endesa

Por 11 Marzo, 2021Sin comentarios

Veciños, traballadores, comerciantes e empresarios sumáronse onte á folga  convocada polos sindicatos contra a desindustrialización na comarca de Ferrolterra, con especial incidencia nas Pontes.

Na vila de Endesa, o paro foi seguido ao 90% segundo os sindicatos e as concentracións contaron, coma sempre, cun amplo respaldo cidadá e de traballadores, tanto de planta, como de auxiliares e transportistas. De feito, un camión presidiu a marcha en Ferrol.

A fábrica de Endesa mantivo o bloqueo continuado agás o paso de tres traballadores de reemprazo para o ciclo combinando e seis da térmica, tal e como se acordou entre manifestantes e empresa.

Ferrol centralizó a protesta, cunha multitudinaria manifestación ás 12.00 horas, na que o peche de Endesa levou a maior parte das protestas.

As empresas auxiliares continúan co seu encerro nas instalacións en grupos reducidos polo problema da covid.

Polo de pronto, o venres está prevista unha reunión de transportistas, auxiliares e sindicatos con representantes da Xunta e de Endesa para atopar unha saída a esta situación. Os concentrados reclaman un plan de futuro para os seus empregos.

Tamén se espera a conclusión oficial sobre a viabilidade do uso de lodos e biocombustibles para darlle unha segunda vida á termica. Endesa anunciara que non era viable hai varias semanas mentres que dende outros colectivos implicados se fala de resultados positivos. Esta semana tamén podería facerse un anuncio sobre este estudo.