Skip to main content
As Pontes

As Pontes incorpora sinalización turística dixital

Por 23 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello das Pontes aposta pola modernización da información turística do municipio coa incorporación das novas tecnoloxías á sinalización municipal e a súa conexión a plataforma dixital Inventrip.

Trátase dun novo servizo de información turística que ten como obxectivo acoller e acompañar ás persoas visitantes no concello, facilitándolles información contextualizada en función da súa localización, a través dunha aplicación no teléfono móbil ou tablet, permitindo ás persoas usuarias crear o seu plan de viaxe polo municipio das Pontes e compartilo de forma rápida e sinxela a través dos dispositivos móbiles.

“Somos conscientes da necesidade de adaptarnos ás novas tecnoloxías e á dixitalización do sector turístico. A través deste servizo queremos conectar co turista do século XXI, unha persoa que xa non precisa do papel senón que emprega os medios tecnolóxicos para obter a información, permanentemente actualizada e dispoñible as 24 horas do día, para planificar a súa viaxe antes de chegar ao destino e mesmo improvisar unha vez está nel” apunta Elena López, responsable de Turismo

Este novo servizo conta cun canal de información offline composto por un panel  directorio de información turístico e 14 sinais direccionais peonís con tecnoloxía beacon, instaladas en diversos puntos de municipio, que permite ás persoas visitantes acceder a través de Bluetooth, sen necesidade de ter conexión a Internet e sen gastar tarifa de datos, á información turística do concello, de forma que cada sinal funciona como unha oficina de turismo dixital.

Complétase cunha canle de información online a través da aplicación gratuíta Inventrip dispoñible para IOS e Android, que detecta a información contida no beacon permitindo que as persoas usuarias reciban información contextualizada en tempo real (datos sobre o lugar no que se atopa, os edificios ou espazos que está vendo e mesmo suxestións de plans para realizar nese espazo).

Elena López sinala que “este novo servizo ofrécenos a posibilidade de xestionar e agrupar nun único soporte toda a información de interese para as persoas visitantes co valor engadido que proporciona a posibilidade de actualizado de forma constante, mellorando a calidade e accesibilidade da información, favorecendo a interacción das persoas que nos visitan co municipio,incrementando a eficiencia dos nosos servizos”

A Concelleira anima a todas as persoa que se acheguen a As Pontes nos vindeiros días a que se animen a descubrir e gozar das Pontes grazas á sinalización turística intelixente e só a través de tres sinxelos pasos “ baixar a aplicación, activar o Bluetooth e buscar as sinais turísticas con beacons mentres camiñan pola nosa vila”.