Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta reivindica as traballadores do sector coidados

Por 8 Marzo, 2021Sin comentarios

“Fundamentais, pero precarias. Desconfinar os dereitos nos coidados” Ese é o lema elixido por Vilalba Aberta, de cara á celebración, este luns, do Día Internacional da Muller Traballadora.

Un chamamento, a través do que a formación asemblearia pretende pór o foco na situación sociolaboral de moitas vilalbesas, traballadoras no sector dos coidados, e diante da que, consideran, “cómpre dar unha resposta.”

Tal e como lembrou a súa vicevoceira municipal, Mº Xosé Fernández, “a estatística segue a sinalar aos traballos de coidados como sinónimo de precariedade, nos que se perciben os peores salarios e en peores condicións laborais, con xornadas parciais e dereitos non recoñecidos.”

Así mesmo, a concelleira de Vilalba Aberta non quixo esquecer a invisibilidade dos labores de coidados ”non remunerados”, e de “todo ese tempo de traballo realizado de balde, principalmente polas mulleres, pero do que se beneficia o resto da sociedade.”

Na mesma liña se pronunciou a súa compañeira María Pérez, educadora social de formación, considerando “máis acaído que nunca” o lema e a propia campaña, pois, explicou, “todas as persoas precisaremos nalgún momento das nosas vidas dos coidados”.

Pérez, que puxo en valor a dureza de traballar con persoas maiores e dependentes, que precisan de axuda e apoio para todo (ou case todo), fixo fincapé nos riscos psicosociais derivados do estrés “que despois levamos para as nosas casas”. Un traballo “non recoñecido nin pola sociedade nin polas administracións, minusvalorado, precario e con baixos salarios”, lamentou.