Skip to main content
Xermade

Executarán este ano a mellora da estrada entre Cabreiros e Momán

Por 4 Marzo, 2021Marzo 5th, 2021Sin comentarios

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, avanzou na Comisión 2ª do Parlamento que a Xunta vai levar a cabo este ano obras de mellora do firme na estrada LU-170, entre Cabreiros e Momán, no Concello de Xermade, cun investimento de preto de 450.000 euros.

Francisco Menéndez detallou que o proxecto está redactado e en fase de supervisión técnica para a súa execución neste mesmo ano 2021. Concretou que se actuará nun treito de 5,5 quilómetros aproximadamente, do punto quilométrico 23+260 ao 28+716, centrándose as intervencións no treito comprendido entre o núcleo de Xermade e Cabreiros.

Os traballos inclúen o estendido dun aglomerado en todo o ancho da plataforma, así como a execución de cunetas de seguridade en determinados puntos.

Na súa intervención o director da Axencia Galega de Infraestruturas detallou que a Xunta solicitou 6 millóns de euros de Fondos Europeos de Reconstrución para acondicionar case 10 quilómetros da estrada LU-170, entre Cabreiros e Momán, no concello de Xermade. O Goberno galego remitiu o pasado 25 de xaneiro ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana unha proposta de actuacións obxecto de ser financiadas cos citados fondos europeos, entre elas, a mellora desta estrada autonómica ao longo de 9,7 quilómetros.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas concretou que a Xunta xa dispón do proxecto redactado para un primeiro treito entre Xermade e Cabreiros e prevé continuar coa redacción do proxecto para rehabilitar o segundo tramo, entre Momán e Xermade.

Apuntou que o proxecto xa redactado recolle a intervención no treito comprendido entre as proximidades do parque empresarial de Xermade e a glorieta de conexión coas estradas LU-861, LU-540 e AG-64, en Cabreiros.

Esta actuación, de 5 quilómetros de lonxitude, ten por obxecto ampliar desde os 5 ata os 7 metros a plataforma da estrada, así como a rehabilitación do firme. Tamén se actuará nas interseccións coas vías públicas e se mellorará a sinalización horizontal e vertical, balizamento e defensas e o sistema de drenaxe.

Lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executou en 2017 a reparación do firme nesta estrada, entre os puntos quilométricos 18+250 e 28+760.