Skip to main content
Uncategorized @gl

O PP de Guitiriz reclama unha investigación pola derruba da Casa da Botica

Por 2 Marzo, 2021Sin comentarios

Segundo resumen os populares, o Concello de Guitiriz cedeu á Deputación a Casa da Botica para que a convertera nunha residencia da terceira idade “e a casa acabou no chan, debido á deficiente xestión efectuada polo goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé”. O PP de Guitiriz, que ten por portavoz municipal a Xosé María Teixido, reclama do goberno municipal que abra unha investigación a fondo da xestión efectuada por Tomé e o seu equipo, porque entende que “hai unha clara neglixencia con grave prexuízo para os veciños deste concello”.

Os populares afean ao socialista Tomé a falta de transparencia na xestión de todo o relacionado coa Casa da Botica, unha deficiencia que –din- afecta a moitos outros ámbitos na Deputación. Teixido sinala: “É lamentable dende calquera punto de vista que a Deputación non permita o acceso do Concello ao expediente da Casa da Botica. Despois do que pasou, que se resume en que a casa acabou non chan, é, como mínimo, unha falta de deferencia co Concello”.

No PP cren que desde o Concello de Guitiriz “é preciso destapar o que parece que queren tapar na Deputación, que é basicamente todo aquilo que fixeron mal neste asunto, que foi moito”. Teixido di que, como mínimo, é necesario que a alcaldía faga unha protesta por como se levou este asunto e o trato dado ao Concello.

Teixido sinala que botar á culpa á meteoroloxía da demolición da Casa da Botica “é como se lle prestas a bicicleta a un amigo, devólvea sen rodas e di que foi por culpa da choiva”. Engade: “O que está claro é que non se tomaron as medidas que indicaron os técnicos para apear a fachada e por iso ao final se levou a cabo a demolición”. Suxire que a Deputación terá que dar explicacións tamén nalgún momento á Xunta, dado que o edificio tiña algunhas partes protexidas.