Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Aprobada unha moción para melloras na liña de tren da Mariña

Por 9 Abril, 2021Sin comentarios

A Comisión de Transportes do Senado aprobou unha Moción do Grupo Parlamentario Socialista para levar a cabo as melloras imprescindibles tanto na infraestrutura, como nos equipamentos do tren Ancho Métrico que une Ferrol con Xixón, e cuxo traxecto tamén discorre por toda a Mariña Lucense.

O senador socialista por Lugo, César Mogo, autor da Moción, dixo que “é con Pedro Sánchez cando Galicia entrou nos plans do Goberno para dispoñer dunha rede moderna de ferrocarril; co Goberno socialista o AVE chega a Galicia no 2021; co Goberno socialista órzase un investimento de mais de 500 millóns de euros que vai conectar Lugo coa rede de alta velocidade por Ourense; e co Goberno socialista repárase o abandono de anos da liña de Ancho Métrico entre Ferrol e Xixón”. 

Mogo remarcou que “despois de moitos anos de abandono, xa se adquiriron 31 trens para as distintas liñas do Ancho Métrico e impulsado algunhas significativas melloras parciais. E agora chegou o momento de impulsar unha modernización das infraestruturas deste servizo, así como na mellora da liña que contemple a reforma e apertura de novas estacións e apeadeiros. E que tamén inclúe unha recuperación e adaptación das frecuencias do paso dos trens, dacordo ás necesidades e demandas dos veciños que serán os principais beneficiarios dos cambios”.

O senador avanzou que “a Mariña lucense resultará especialmente beneficiada dunha infraestrutura modernizada, e dun servizo ben organizado nas súas frecuencias xa que pode constituír unha alternativa eficaz aos desprazamentos, fundamentalmente en vehículos privados entre as distintas localidades por motivos laborais, de estudos, asistencia aos centros hospitalarios, administrativos. E sen esquecer o enorme potencial turístico dun tren cuxo traxecto discorre en paralelo ás nosas magnificas praias”.

Por último Mogo afirmou que “a nosa provincia merece dispoñer dunha infraestrutura como a do tren pola costa, potenciada e adecuadamente organizada, que representará unha oportunidade de mellora para viaxeiros e as empresas”. Polo tanto “a aprobación desta proposta que presentamos os socialistas tan positiva para Lugo, constitúe un importante respaldo para que o Goberno siga adiante cun proxecto de modernización ferroviaria que é prioritario e necesario”, resumiu o senador.