Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Piden ao Goberno central a mellora da liña de ferrocarril Ferrol-Xixón

Por 16 Abril, 2021Sin comentarios

A liña de ferrocarril de vía estreita de Ferrol a Xixón comunica ambos os dous extremos pola costa do Cantábrico e Atlántico. Foi necesario construír 110 túneles e 27 viadutos, nunha liña de lonxitude total de 320 km con 47 estacións.

A Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento aprobou unha proposta do PSdeG para pedirlle ao goberno de España que continúe coa mellora nas condicións da liña de ferrocarril Ancho Métrico Ferrol – Xixón. A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, criticou o “abandono” da liña por parte do goberno de Rajoy, que estrangulou a infraestrutura ata deixala “na UCI” en 2018.

Otero sinalou que “tivo que chegar o goberno dun presidente socialista con compromisos, orzamentos, feitos e realidades para sacar ao tren da UCI, de planta e mesmo do Hospital”. Apuntou ao traballo inxente que require esta infraestrutura logo dun goberno do PP que “deixou moribundo” a unha liña ferroviaria que conecta 47 localidades de Ferrolterra, Ortegal, A Mariña e Asturias ao longo de 320 quilómetros, que non teñen outra alternativa de transporte público.

A responsable socialista aludiu ás denuncias dos veciños e dos alcaldes da perda de servizos e calidade neste ferrocarril, con ata 800 supresións de servizos en 2016, sen que o goberno galego amosara o máis mínimo interese por trasladar as necesidades das comarcas.

Lembrou que o desinterese foi tal que obrigaron aos alcaldes e veciños a agardar máis dun ano, entre abril de 2016 e maio de 2017, ata que foron recibidos en San Caetano.

Apuntou que foi finalmente o goberno presidido por Pedro Sánchez o que aprobou o plan de renovación da flota de Renfe, presentado o pasado 29 de decembro, incluíndo a adquisición de 31 trens de Ancho Métrico que irán destinados tamén a Galicia, así como a convocatoria de 500 prazas de maquinistas, que se pechará este mesmo mes de abril.

Afeoulle ao PP que “critiquen a compra de 31 máquinas para mellorar o noso ferrocarril logo de que en sete anos e medio comprara cero” trens. Acusou ao representante do PP de “ir na liña contraria do presidente da Xunta, poñendo en cuestionamento as súas propias verbas” cando logo do encontro co ministro de Transportes recoñecía o avance nas infraestruturas de Galicia.