Skip to main content

Chega abril e é o momento de plantar todo aquilo que se quere cultivar durante o verán

Por Ana Somoza López.

Xa está aquí abril e a primavera e este é o momento perfecto para cultivar os tomates, as coliflores, as cabaziñas, melóns ou sandías entre outros. Pero tamén chegou para quedarse a moda de cultivar a propia comida nos hortos urbanos ou nos pequenos xardíns e a xente estase animando moito a poñer pequenas macetas nas xanelas coas herbas aromáticas como a albahaca, ourego ou perexil, e así desfrutar coa satisfacción de ver os primeiros brotes e o sabor inigualable do propio cultivo. O máis aconsellable é colocalas nas xanelas orientadas cara ao sudoeste ou sudeste son as ideais. E hai que lembrar que non hai que coller dunha sentada máis dun terzo do volume da planta ou repercutirá negativamente no seu crecemento, é mellor facer podas pequenas de forma regular ou collelo xusto para engadirlle o toque a cada prato. Aínda así, o máis importante é non confiarse coas boas temperaturas pois a primavera trae moitas xeadas que estragan os hortos e as árbores e os caracois, xa que son uns amantes dos brotes tenros.

Por outra banda, aínda falta para que unha gran parte das árbores froiteiras den os seus froitos, pero se se quere que os exemplares estean sans e vigorosos para entón, o inverno foi o tempo perfecto para darlles uns cantos coidados específicos.

Tamén depende da zona de plantación e do clima, algunhas das especies que recomendan para a nosa terra son a cerdeira, que é unha árbore cuns froitos moi apreciados no verán que se planta na primavera sobre un chan fértil e con boa drenaxe. En 6 anos estará totalmente maduro e os especialistas recomendan deixar un espazo de 5 metros á redonda para darlle espazo para o seu crecemento. Outra gran vantaxe desta árbore é a súa preciosa flor. O ameixeiro, que é outra especie moi típica en Galicia, é perfecta xa que se adapta a climas tépedos e fríos. O único que pode afectarlle son as xeadas tardías, esta árbore é a que antes florece (a principios da primavera) e unha xeada neste momento si pode facerlle dano.

O albaricoqueiro, que aínda que é de orixe asiática, pode sacarse adiante tamén aquí. Haberá que plantalo na primavera, nun lugar asollado e un pouco resgardado das choivas, por exemplo arrimado a un muro. Pero o que si necesita é un chan ben abonado e auga unha vez á semana.

As maceiras cultívanse en todo o mundo e ademais hai unha ampla variedade de mazás. As flores saen en primavera ao mesmo tempo que brotan as follas e o froito madura a finais do verán ou no outono. Esta é unha árbore moi socorrida para os xardíns.

Neste tempo é moi recomendable prantar moitas flores comestibles, que están moi de moda, como os pensamentos, as caléndulas, os xeranios, ou as flores dalgunhas plantas como as da cabaciña ou do ceboliño.

Estas son ricas en vitaminas, teñen propiedades medicinais e aportan sabores distintos e novos ás ensaladas.