Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Unha moción quere reprobar a Tomé polas declaración sobre a vestimenta de Candia

Por 21 Abril, 2021Sin comentarios

Fronte ás recentes manifestacións do presidente da Deputación, o socialista José Tomé, “nas que usou como argumento de crítica a un acto de protesta de alcaldes do PP, diante do pazo de San Marcos, a vestimenta da deputada autonómica”, Elena Candia, ex presidenta da Deputación, o grupo popular defenderá na próxima sesión plenaria da corporación unha moción para reprobar as aludidas manifestacións. Tomé chegou a dicir: “(…) A señora Candia, coa súa vestimenta, co seu aspecto de leopardo que tiña onte, sinceramente, daba a imaxe do vaqueiro americano que entrou no Capitolio de EE.UU”.

A deputada provincial popular Lola Castro explica: “O grupo provincial do PP defenderá no próximo pleno da Deputación Provincial unha moción para reprobar as declaracións do presidente desta institución, o socialista José Tomé, nas que, nun exercicio de machismo trasnoitado e intolerable, intentou ridiculizar a maneira de vestir da deputada autonómica polo PP, Elena Candia, ex presidenta da Deputación”. Castro engade: “As manifestacións cuxa reprobación pediremos ao pleno foron efectuadas polo presidente, José Tomé, o pasado día 9 ao fío da protesta levada a cabo o día anterior por 32 alcaldes do Partido Popular, diante da sede da Deputación, para reclamar un plan de mellora de estradas provinciais, así como xustiza na asignación de maquinaria do parque provincial aos concellos”.

A mesma deputada popular espera “que o BNG aprobe esta moción, porque coincide co posicionamento exposto neste caso por algunhas das súas máximas representantes; non sería entendible que, diante desta moción, adoptasen unha postura distinta á xa manifestada e amplamente recollida polos medios de comunicación”.

Castro di que “debe ser o pleno, como cámara de representación de toda a provincia na Deputación, o que debe, mediante este acordo, limpar e depurar a mala imaxe que dela deu o seu presidente a toda a sociedade española”. Manifesta: “As inaceptables declaracións do presidente Tomé foron obxecto de crítica de norte a sur e de leste a oeste de España, e mereceron, como non podía ser doutra maneira, reprobación nos terreos político (incluído o propio partido do presidente, o PSOE), institucional e mediático, así como noutros moitos ámbitos sociais”.

Como resumo, Lola Castro sinala que, por todo iso, o grupo popular propón “ ao pleno reprobar as declaracións do presidente da Deputación Provincial de Lugo, vertidas o pasado día 9 de abril, por ter dado mostras dun machismo intolerable, denigrando ás mulleres pola súa forma de vestir; unhas manifestacións que vulneran o principio de igualdade de trato e dignidade da muller”. Engade: “Queremos tamén reprobar calquera manifestación realizada por cargos públicos coas que se vulnere o principio de igualdade de trato entre homes e mulleres ou se denigre a dignidade da muller”.