Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Alcoa negociará con outros compradores e rebaixa unha cláusula

Por 30 Abril, 2021Maio 1st, 2021Sin comentarios

A mesa multisectorial de Alcoa celebrada onte volveu rematar sen conclusións sobre a negociación coa Sepi pero nela o director da multinacional, Álvaro Dorado, anunciou a súa disposición a traballar con outros compradores interesados na planta, tal e como anunciou tamén a todos os traballadores a través dun comunicado.

Dende o Ministerio de Industria aseguraron que apoiarán calquera proceso de venda pero que é Alcoa a que terá que entablar conversacións cos compradores interesados e plantexar unha operación de venda viable.

Outro das formulacións que deixou onte encima da mesa a multinacional é a súa intención de aceptar unha nova redacción da cláusula de indemnidad, é dicir, da limitación de responsabilidade da empresa tras a venda. Desta forma, volvería á proposta de setembro de 2020.

O comité de empresa pola súa parte ve de forma positiva a disposición de Alcoa a modificar a cláusula de indemnidad, que era un dos escollos que esgrimía o Ministerio de Industria para non aceptar a proposta de venda e urxe  ao Goberno para valorar esta nova
proposta.

Os representantes dos traballadores tamén insistiron na necesidade de que sexa a Sepi a que compre a planta para despois transferila a un comprador.

O comité ten convocada unha asemblea de traballadores para o vindeiro luns, ás tres e dez da tarde, para informar os traballadores da situación na que se atopa o proceso de venda e estudarán posibles mobilizacións ou outras medidas para forzar unha resolución da situación.

Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo tamén un encontro co comité en San Cibrao no que lle trasladou que o próximo 11 de maio defenderá na Comisión de Industria do Congreso unha proposición non de lei para insistir na necesidade de que o ministerio actúe e leve a cabo unha intervención pública se non hai unha saída negociada.

GONZALO CABALLERO

Tamén recibiron unha visita do secretario xeral do PSOE de Galicia, Gonzalo Caballero, na compañía de alcaldes e voceiros municipais socialistas na Mariña para manter unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

“Temos que manter a alianza entre as diferentes administracións e os traballadores, e non baixar a garda, para acadar unha solución industrial e manter a produción de aluminio e o emprego”, sinalou o líder do PSdeG, quen incidiu en que o sector do aluminio primario “é estratéxico para o futuro do país”.

Neste sentido, apelou a “manter a cooperación e a colaboración para que o avanzado non se perda” e instou a “manter a presión sobre a empresa entre axentes políticos e institucións” para acadar a venta da planta mariñá. “Temos que seguir avanzando da man dos traballadores, temos que seguir presionando”, remarcou.

Así, malia que “Alcoa quería pechar a planta e imposibilitar un futuro para a mesma”, destacou Gonzalo Caballero, quen resaltou que, nunha primeira etapa, “gañámoslle un pulso á multinacional a través dun proceso xudicial e conseguimos que a SEPI estea aberta a intervir para facilitar a venta”. “Temos que apostar polo mellor inversor e proxecto que poida dar futuro á planta”, subliñou.

De feito, Gonzalo Caballero lembrou que este proceso xudicial aberto “impide que hoxe Alcoa poida pechar a planta”, o que supuxo “un avance que se fixo da man dos traballadores e do goberno de España”, pero o máis importante é acadar unha solución definitiva.

Con todo, o líder das e dos socialistas galegos trasladou aos traballadores “o meu compromiso para seguir remando e traballando xunto ás administracións na busca dunha solución que ten que chegar o máis pronto posible”.

“Preocúpame moito a situación de inquedanza na que viven os traballadores”, sinalou Gonzalo Caballero, por iso, “dende o PSdeG comprometémonos a traballar da man dos traballadores de Alcoa nunha saída na que consigamos, coa intervención da SEPI, un inversor fiable” cun proxecto que dea “futuro, viabilidade e manteña o emprego”.

JOSÉ ANTONIO ZAN

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, agradeceu a visita á fábrica do líder das e dos socialistas galegos, a quen lle expresou tanto a problemática como a situación de preocupación que están a vivir os traballadores.

“Necesitamos unha empresa industrial cun proxecto enerxético potente que non dea problemas nos próximos 10 anos”, explicou Zan, quen apuntou que contar coa SEPI na negociación ofrece “garantías” tanto aos traballadores como ao futuro empresarial.

Na xuntanza co comité de empresa, ademais de Gonzalo Caballero, participaron os alcaldes e alcaldesas de Viveiro, Burela, Foz, Trabada, A Pontenova e Alfoz, así como os voceiros socialistas da comarca da Mariña, o secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, a secretaria provincial do PSdeG en Lugo, Patricia Otero, e o voceiro de Industria do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Martín Seco.