Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O BNG pide que a vixilancia pesqueira non se aplique á frota de baixura

Por 10 Abril, 2021Sin comentarios

O BNG mantivo un encontro ao máximo nivel co sector pesqueiro da Mariña, cunha delegación encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, e da que formaban parte a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda; a portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez; e Daniel Castro e Carme Aira como deputadxs por Lugo, así como responsables comarcais da formación como a alcaldesa de Barreiros, María Hermida.

Un cumio pesqueiro que contou coa participación dos representantes dos Portos de Burela e Celeiro, das frotas e das confrarías mariñáns e da Axencia de exportación da Mariña.

Entre os asuntos tratados nesta reunión de traballo, o regulamento de control da pesca, o actual sistema de cotas, o impacto do Brexit, a vacinación dos mariñeiros ou a problemática da frota de palangre.

En relación ao regulamento de control da actividade pesqueira aprobado fai un mes de xeito provisional pola Comisión europea de pesca, para o BNG demostra “até que punto se lexisla na Unión Europea ignorando a realidade da frota galega”, denunciou a portavoz nacionalista.

Para o Bloque non ten sentido instalar cámaras abordo, a xeolocalización permanente ou facer obrigatorio o diario electrónico de pesca para embarcacións a partir dos 4 metros, porque a frota galega é maioritariamente artesanal e de baixura e pesca nas rías en mareas de menos de 24 horas. “É un disparate e un sen sentido e imos defender en Bruxelas e no Parlamento que se exclúa a frota de baixura porque este regulamente faría inviable a súa actividade e mesmo suporía un risco ”, recalcou Pontón.

O impacto do Brexit tamén foi abordado neste cumio co sector pesqueiro da Mariña, tendo en conta que Galiza dispón do 70% da cota española en augas británicas e, no caso da Mariña, dos 88 barcos que faenan no Gran Sol, máis da metade teñen base nos portos de Burela e Celeiro.

“Tendo e conta esta realidade, pedimos en primeiro lugar compensación directas por perdas a través do Fondo europeo marítimo e de pesca e que a Xunta reclame participar directamente nas negociacións co Reino Unido, como fai por exemplo, Escocia. A frota galega xógase moito nas cotas de capturas de especies moi valiosas desde o punto de vista comercial, como a pescada ou rapante”, argumentou Pontón.

O Bloque tamén solicita que os mariñeiros sexa considerados colectivo prioritario a efectos de vacinación anti COVID, como pide o sector, e así o defenderá no Parlamento.

De feito, na Mariña rexistraron varios casos de barcos afectados polo virus, que tiveron que gardar corentena con todo o que iso implica de perda de actividade e de ingresos para os traballadores da pesca.

En relación ao Porto de San Cibrao, a formación nacionalista defende que teña unha autoridade portuaria propia pois non é razoable que sexa Lugo a única provincia marítima sen autoridade portuaria e vai defender esta posición no Parlamento, onde xa ten unha iniciativa rexistrada neste sentido.

Finalmente, outro dos temas tratados foi o problema da frota de palangre, con moito peso na Mariña, en relación a captura da especie do marraxo. Neste momento a frota ten 100 toneladas destas capturas que non pode sacar ao mercado e que se ve obrigada a conservar en cámaras conxeladoras asumindo, non só un prexuízo por non poder vender, senón tamén un custe de mantemento moi importante.

E todo polas diferencias entre os ministerios de Pesca, que autorizou 940 toneladas de capturas (ao conxunto frota estatal), pero o Ministerio de Transición Ecolóxico impide comercializar 590 dese total de toneladas.

O BNG defende que a frota poida vender o 100% das capturas xa efectuadas e, en todo caso, de cara ao futuro ambos ministerios se coordinen e non prexudiquen ao sector.