Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

Os socialistas reclamarán no Parlamento que se recoñeza o Camiño do Mar

Por 20 Abril, 2021Sin comentarios

A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, intervirá na comisión 6ª do Parlamento de Galicia para demandar ao Goberno de Feijóo que recoñeza a ruta xacobea Camiño do Mar, e que sexa incluída na promoción do Xacobeo.

Otero reclama unha maior implicación da Xunta na promoción e na proxección deste trazado. “Este novo recoñecemento, que discorre polas vilas lucenses de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, contribuirá de xeito decisivo a impulsar o turismo nesta Comarca, que estivo tan afectada trala pandemia do COVID”, remarcou. Hai que lembrar que esta traxecto continua na provincia da Coruña, vía Mañón, Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño e Narón ata Neda.

A Deputada Autonómica lembrou que o Pleno da Deputación de Lugo tamén acordou por unanimidade de todos os grupos políticos, este recoñecemento. “O turismo é un dos motores fundamentais desta comarca, por iso é necesario traballar conxuntamente dende todas as administracións públicas, para acadar este recoñecemento”, remarcou.

Otero tamén puxo en valor “o traballo de divulgación que se impulsou dende o tecido asociativo da provincia lucense e tamén da Comarca, para recoñecer este trazado. Todos traballaron para seguir poñendo en valor a ruta do Mar, un exemplo deste compromiso é a Asociación Amigos do Camiño do Mar”.

A Deputada sinala ademais que esta petición “lévana solicitando dende fai anos, tódolos concellos da Mariña polas que transcorre este trazado. Por iso, todos debemos traballar nesa mesma dirección. Pero agora é máis urxente que nunca, por mor do espacial impacto da Covid-19 na Mariña, xa que precisamos unha recuperación económica de todos os sectores produtivos, especialmente do turismo”, resumiu.