Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

O PSOE pide un estudo sobre a situación do polbo

Por 24 Abril, 2021Sin comentarios

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, urxiu ao Goberno galego a iniciar un estudo sobre a situación da poboación de polbo nas costas galegas, que vén de rexistrar en 2020 unha das peores cifras da serie histórica. A responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión na que advertiu que a única medida do goberno galego sexa ampliar a veda en 15 días e agardar por ter unha campaña mellor.

Otero sinalou que o sector reclama un “plan para o futuro e non só para un ano, con medidas que vaian máis aló de ampliar a veda”, que quedou fixada entre o 30 de abril e o 5 de xullo logo dunha campaña catastrófica que puxo en dúbida a continuidade da pesqueiría. Explicou que habitualmente unha campaña negativa ven seguida dunha boa, pero o sector “nin pode nin quere” seguir dependendo do desenvolvemento cícloco.

Reclama ademais información clara e puntual aos profesionais do sector, que “teñen que informarse pola prensa” das decisións do goberno galego, ademais de que “estanse a sentir desamparados, e ven como o furtivismo e a pesca ilegal seguen a existir”, ata o punto de que por cada “capacho” extraído de forma legal “hai outro ilegal”.

En definitiva, urxiu á toma de medidas “máis aló da veda” partindo dunha investigación sobre as causas da escaseza da especie, cando os expertos difieren nas súas explicacións e apuntan a factores coma o cambio climático, a sobreexplotación, a temperatura da auga ou a salinidade. O certo é que as lonxas venderon en 2020 un 58 por cento menos que o promedio de todo o século, con caídas de ata o 73 por cento na Costa da Morte no mes de novembro.

Pola súa banda, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego que os datos obtidos pola Xunta nos últimos meses apuntan a unha mellora da situación do polbo en augas galegas. Os datos de capturas mostran unha tendencia ascendente e o índice de recrutamento -de xuvenís- acada niveis altos en relación coa serie histórica que se remonta a 2005, sinalou. 

A representante da Consellería do Mar salientou que o volume de capturas rexistrado nas últimas semanas é positivo e que os datos concretos de marzo superan os obtidos no mesmo mes do ano pasado e tamén os de marzo de 2017, unha campaña que foi histórica. En canto ao índice de recrutamento, Mercedes Rodríguez incidiu en que os datos deste ano duplican os do ano pasado e que están por enriba da media da serie histórica, que comeza en 2005. 

A directora xeral de Pesca destacou que a campaña 2020-2021 do polbo foi anómala, cun baixo nivel de capturas, e lembrou que a evolución da especie adoita ser cíclica e que depende en boa medida de distintos factores ademais da actividade pesqueira, como son os medioambientais e os climatolóxicos.

A representante do Executivo galego salientou que a Consellería do Mar mantivo un contacto permanente co sector ao longo de toda a campaña e fixo un seguimento da especie de cara a ir perfilando o plan de xestión do polbo da campaña 2021-2022. Froito dos datos obtidos e das aportacións realizadas polo sector, tendo en conta tanto a situación do recurso como os intereses da frota, a Comisión do Polbo -na que participa o sector- decidiu establecer este ano unha veda de dous meses de duración para protexer os xuvenís da especie. Esa veda de dous meses supón que entre os meses de maio e xuño non se poderá extraer nin comercializar polbo das augas galegas.

Mercedes Rodríguez asegurou que a Xunta vai seguir traballando da man do sector para mellorar a situación da especie e avanzar na súa xestión ao tempo que vai continuar co control das súas capturas para evitar irregularidades. Neste sentido, lembrou que o Servizo de Gardacostas de Galicia realizou na presente campaña máis de 400 inspeccións ata mediados de marzo co resultado de máis de 1.000 quilos comisados e arredor de 11.000 nasas incautadas.