Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

Acordo unánime á proposición de defensa da frota artesanal ante a UE

Por 21 Abril, 2021Sin comentarios

Acordo unánime á proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Rosana Pérez para demandar  do Goberno do Estado  a defensa da frota artesanal galega na tramitación, “aínda pendente” do Regulamento de control da Pesca da UE.

O acordo recolle a negativa  ás medidas do  novo Regulamento relativas a inclusión das cámaras a bordo, imposición da xeolocalización e  obriga do diario electrónico de pesca, así como  impulsar medidas alternativas e non invasivas dialogadas co sector.

Por outra parte, a nacionalista salientou a necesidade de modificar a definición de frota artesanal  tendo en conta os criterios que vén formulando o propio sector dende hai anos. O acordo acadado polo BNG inclúe a  actuación para  excluír a frota artesanal do sistema de TACs e cotas e negociar unha  maior dotación dos fondos europeos, nomeadamente do FEMPA, para atender a eventual obrigatoriedade dos mecanismos de control recollidos agora no Regulamento sen que vaian a conta de partidas destinadas a outras necesidades do sector nin, en ningún caso, do propio sector.

Na proposta do BNG, Rosana Pérez demandou da Xunta un posicionamento público sobre o Regulamento de Control da pesca que vén de aprobarse no Parlamento europeo, “exercer as competencias en  augas interiores e aplicar as normas de control propias”.

No suposto dunha aprobación nos mesmos termos do Regulamento de control, afirmou a deputada, o acordo aprobado hoxe por unanimidade contempla elaborar as previsións económicas necesarias para atender os custes da aplicación das novas medidas.

Na defensa da proposta, a nacionalista cualificou de “penúltima estocada ao sector pesqueiro galego” a reforma do Regulamento de control de pesca recentemente aprobada na euro cámara.

A modificación agora aprobada, que aínda non é definitiva e que se prevé que non entre en vigor antes do ano que vén, inclúe, entre outras medidas,  explicou a deputada,  cámaras a bordo para controlar as capturas e o cumprimento dos descartes para buques de máis de 12 metros,  xeolocalización permanente de toda a frota de máis de catro metros, incluída a recreativa, e levar un diario eléctronico  de pesca (DEA) a bordo  de todos os buques de máis de 4 metros para que notifiquen dende o barco as súas capturas.

Esta normativa, en opinión da deputada do BNG,  “volve ignorar por completo a realidade da frota galega e a súa singularidade: o tamaño dos seus barcos, as zonas onde habitualmente faenan,  duración das mareas,  xeito de faenar e mesmo a operativa na venda do produto”.

Para a deputada, o novo Regulamento representa unha norma que coloca ao sector como “sospeitoso permanente e depredador dos propios recursos” de aí a oportunidade do acordo unánime acadado hoxe no Parlamento galego para frear algunhas das medidas, aínda por aprobar, e que resultan gravemente lesivas para o sector, concluíu.