Skip to main content
AlfozCultura AMARIÑAXA

Polo envellecemento activo

Por 20 Abril, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

No programa ActivaMente participan actualmente unhas 36 persoas de entre 58 e 90 anos, que loitan contra o paso do tempo cun programa de actividades

Por Claudia López

O chamado Envellecemento Activo é un termo acuñado pola OMS que abrangue a todos aqueles procesos, programas ou propostas que, traballando dende os piares do benestar físico, mental e social, teñan como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas que envellecen. A delegación de Servizos Sociais do Concello de Alfoz, encabezada pola concelleira Ana Aránzazu Incera, comezou no ano 2015 un proxecto que pretendía axudar a garantir ese benestar a aqueles colectivos do municipio mariñán que o precisaran. O programa ActivaMente está coordinado por Tatiana Barreira e pon o seu foco no envellecemento activo combinando varias fórmulas, “por un lado facilitamos un espazo de encontro para crear amizades e relacionarse, para a xente xubilada é moi importante seguir mantendo contacto cos demais. Tamén estimulamos a súas capacidades cognitivas, o cerebro necesita estar en forma. Ademais promovemos a programación municipal na que hai actividades coma o ioga ou a ximnasia de mantemento. A vantaxe do noso programa é que aínda que alguén teña problemas de mobilidade, iso non lle impide participar”. Esta educadora social e psicopedagoga recorda que “as raíces do programa xurdiron no ano 2013, cando un certo grupo de persoas demandaban actividades que lles axudasen a estar activos e se puidera crear así un espazo de encontro”. No seu inicio ActivaMente estreouse como un taller de memoria xunto coa escola de maiores, con menos de dez participantes, pero pouco a pouco o proxecto foi tomando forma e, na actualidade, grazas ao boca a boca, forman parte un total de 36 persoas, sobre todo mulleres, de entre os 58 e os 90 anos. Malia a pandemia, este derradeiro curso houbo catro incorporacións.

CENTRO SOCIAL. As actividades desenvólvense no Centro Social de Alfoz dende outubro a xuño. Antes da covid19 os participantes acudían tódolos mércolles de dez a doce da mañá para traballar diferentes competencias: “comezabamos as sesións con dinámicas de grupo nas que poder implicar a coordinación motriz, despois pasábamos a actividades enfocadas á cognición: de concentración, razoamento, linguaxe, escritura, cálculo… E volvíamos rematar con algunha outra dinámica”. Tatiana traballa co seu grupo de maneira transversal durante todo o curso, establecendo niveis de aprendizaxe en función das necesidades de cada persoa e tratando temas de actualidade, “facemos actividades relacionadas coa igualdade, co xénero, coa saúde, coa xeografía… as veces pensamos que os maiores non saben do que se fala agora, pero si teñen moito que aportar”. Aproveitábanse ademais as festividades coma o entroido, o nadal ou o samaín para facer talleres temáticos, realizar traballos manuais e celebrar xuntos. Colaboraban tamén realizando actividades con outras institucións coma centros educativos e diferentes fundacións e utilizábanse recursos coma a musicoterapia. A raíz da situación sanitaria tivo que mudar a forma de traballar, posto que se trata dun colectivo de risco.

“Agora soamente veñen unha vez ao mes porque traballan mediante cadernos que fan na casa. Doulles actividades mensualmente, veñen a entregarmas feitas e vólvolles dar o caderno novo. Botamos de menos o contacto, hai xente que vive soa e necesita socializar. Como xa crearon comunidade a veces falan entre eles para resolver os exercicios ou se teñen dúbidas”. Malia esta complicada situación o proxecto ActivaMente continúa e, cando a situación mellore, volveranse facer as actividades habituais. Ademais, tratárase de integrar a outros colectivos nas actividades, como coa participación de nenos e nenas e incluiranse novos contidos como o uso das novas tecnoloxías, algo moi demandado despois da pandemia. A inscrición a esta actividade é totalmente gratuíta, en setembro anunciase o prazo para anotarse no Concello, pero a convocatoria está aberta todo o ano mentres haxa prazas libres.