Skip to main content
Alfoz

O PP de Alfoz critica a decisión do Goberno local de subir as taxas

Por 21 Abril, 2021Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Alfoz, Jacobo Geada, lamenta que “o goberno local non teña proxecto de futuro para Alfoz” porque, tal e como demostran as súas accións de goberno, “só sube as taxas aos veciños” que afectan “á súa capacidade económica” nun momento de especiais dificultades debido á crise derivada da pandemia e para a que “o goberno local non propuxo ningún tipo de medida de apoio aos afectados”.

Así o explica o popular tras coñecer que no pleno do vindeiro venres se debaterá a aprobación dunha nova ordenanza reguladora das taxas por servizos urbanísticos do Concello de Alfoz a proposta do equipo de goberno municipal. Isto suporá, segundo explica o voceiro do PP, “un desproporcionado incremento das taxas polos servizos técnicos e administrativos que deba realizar o Concello relacionadas con construcións, obras ou instalacións que os veciños queiran executar”.

O portavoz popular explica que “xa votamos en contra desta proposta na comisión especial de ordenanzas” e avanza que “dende o Grupo Municipal Popular volveremos a opoñernos á súa aprobación no pleno do venres por ser prexudicial para os veciños”. Geada deixa clara, deste xeito, “a desconformidade do Grupo Municipal Popular coa suba de taxas e impostos”.

O popular critica tamén que “o goberno local xustifique esta maior presión impositiva coa necesidade de compensar nas arcas municipais o gasto que supón o incremento salarial recollido na nova Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello”. O Grupo Municipal Popular tamén se opuxera a esta RPT que foi aprobada de forma definitiva o pasado 23 de marzo. 

Para o voceiro popular é “inconcibible que o goberno municipal deixe de lado actuacións para que Alfoz manteña poboación; pero, en cambio, si realice actuacións que supoñen que os veciños paguen máis polos servizos que lles presta o Concello”.

Máis presión impositiva

Geada engade que “esta non é a primeira vez que o goberno local sube as taxas municipais. Xa o fixo coa taxa por expedición de documentos administrativos e outros servizos, coma certificados ou copias, que foi aprobada no pleno do 25 de setembro do 2020 tamén co voto en contra dos concelleiros do PP”.