Skip to main content
Burela

O Pleno de Burela aproba a nova ordenanza do peche de fincas

Por 10 Abril, 2021Sin comentarios

Aprobada inicialmente no pleno do Concello de Burela cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e os votos en contra do PP, a nova ordenanza sobre o peche de fincas e valados, que busca mellorar esteticamente a imaxe da vila. Na sesión tamén se deu conta das novas zonas que o Concello está a preparar para facilitar a práctica do sendeirismo como son Pomeda, Vilar e Vila do Medio, onde se pode disfrutar da beleza dunha fervenza, entre outros atractivos.

O alcalde burelés, Alfredo Llano, explicou que “se presentou a aprobación a nova ordenanza municipal reguladora dos valados de parcelas. Esta normativa sae como consecuencia de poñer un pouco de referencia á hora de de facer os valados. O que queremos nosoutros, a través desta regulación, é permitir que exista unha harmonía, unha integración, unha referencia e que todo o mundo teña claro como pode facer os valados nas zonas diferenciadas de Burela, xa sexan solares ou fincas. O que pretendemos con isto non é comprometer aos veciños para que o fagan xa, senón dicirlles como poden facelo para que haxa unha coherencia e organización, e si se chega a Burela que se vexa unha certa harmonía nestes aspectos. Pensamos que isto era algo que tíñamos que facer porque tiña que estar contemplado no Plan Xeral. Tíñamos que facer unha regulación parcial porque existía unha normativa que xa se viña aplicando, pero con esta regulación pensamos que isto se facilita e mellora o aspecto visual, estético e que funcione dunha maneira integral. Agora, unha vez publicada no BOP, vai haber quince ou vinte días para que a xente poida presentar alegacións que complementen esta normativa nos seus articulados. Aprobouse cos votos do grupo de goberno, o BNG abstívose e o PP, con todo recoñecer que a normativa era válida, votou en contra, eles saberán porqué. Nosoutros contamos que isto é algo positivo para o conxunto da veciñanza de Burela”.

Autoridade Portuaria

O rexedor contou que “outro tema que era importante, e que foi a iniciativa do BNG, foi unha moción para a creación da autoridade portuaria de San Cibrao que se ven demandando desde fai moito tempo. A verdade é que se votou por unanimidade porque todo o mundo, sobre todo os que somos da comarca da Mariña, temos que recoñecer que debemos ter xa unha autoridade portuaria na comarca. Parece imposible que Lugo sexa a única provincia que ten mar e que non teña unha autoridade portuaria. Reclámase por moitas razóns, una delas é que se conte con nós como unha provincia con costa e que ten uns peiraos e uns portos importantes na nosa comarca. Evidentemente, si se recupera a autoridade portuaria para poder aproveitala, tanto na xestión como na cuestión económica, sería moi importante para a comarca da Mariña. Hai que ter en conta que tamén ten unhas posibilidades enormes para o crecemento e o desenvolvemento económico. Pódese pensar xa en traer e levar mercadorías, e incluso poden vir barcos turísticos. Penso que se pode dar unha dimensión que realmente se ven reclamando desde hai moito tempo. Eu xa teño participado en reunións coa FEMP e coa Cámara de Comercio nas que sempre se reclamaban temas como os que se recollen nesta moción, que é darlle importancia ao que temos e ser nosoutros quen xestionemos ese porto. Pensamos que isto é algo bo para Burela e para A Mariña, e canto antes se faga mellor”.

Llano engadiu que “tamén estivemos estudando outras posibilidades de alternativas ás rutas de sendeirismo que temos en Burela. Teño que dicir que se está preparando unha zona que abarca Pomeda, Vilar e Vila do Medio, onde hai unha fervenza extraordinaria que se pode apreciar desde alí. Queremos con esta nova ruta darlle unha alternativa á ruta circular coa que contamos. Aproveito para dicir á xente, sexa de Burela ou de fora, que visite esta nova zona, que agora se está preparando e que lles vai encantar”.