Skip to main content
BurelaComarca AMARIÑAXA

A Xunta licita o proxecto de ampliación do hospital da Mariña

Por 14 Abril, 2021Abril 15th, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia publicou hoxe a licitación do contrato de redacción do proxecto básico e de execución para continuar coa ampliación e reforma do Hospital Público da Mariña; tamén se inclúe a dirección facultativa destas novas actuacións que corresponden ás fases II e III do Plan director, nas que a Consellería de Sanidade prevé investir 15 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro e explicou que se destinan 375.856,80 € (454.786,73 € con IVE) á redacción do proxecto e dirección facultativa das obras, que incluirá o deseño dun novo edificio e a modernización e reorganización de espazos. As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 14 de maio de 2021 para presentar as súas ofertas.

O ano pasado finalizaron as obras de construción da Fase I que supuxeron a construción dun novo edificio anexo ao edificio actual, ao que se trasladaron o hospital de día, diversas consultas externas, a zona de hospitalización e farmacia; además dun novo edificio de aparcamento de dúas alturas, cun heliporto na cuberta. Ademais finalizouse a renovación de más de 1.000 metros cadrados de hospitalización, que posibilita acoller 28 habitacións individuais e incrementar a capacidade de hospitalización un 11,5%. Na primeira fase investíronse 15,5 millóns de euros e incrementouse a superficie hospitalaria en 8.000 m2.

A Xunta de Galicia inicia agora, tal e como anunciou o seu presidente en outubro do ano pasado, as actuacións para completar as fases II e III do Plan Director do Hospital da Mariña. Nesta nova ampliación vaise actuar sobre 9.000 metros cadrados cun custo estimado de 15 millóns de euros.

Contempla a construción dun edificio anexo de 2 plantas con superficie suficiente para albergar o Servizo de Mantemento e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais en planta baixa, e salón de actos e dependencias de docencia na planta alta. Reformarase o edificio actual onde se actuará sobre as áreas de anatomía patolóxica, Laboratorio (laboratorio core que integra 3 áreas de traballo: análises clínicos, hematoloxía e microbioloxía), hospital de día, área policlínica e consultas externas, saúde mental, rehabilitación, cafetería e cociña de persoal e sala de médicos de garda. Tamén se renovará a admisión central, a cafetería de público, os gabinetes e consultas polivalentes (recuperación endoscopias, uroloxía, xinecoloxía), radiodiagnose, urxencias (PAC+urxencias hospitalarias), hospitalización a domicilio e coidados paliativos, e medicina preventiva. Reformarase a área de pediatría e área de críticos (UCI-CMA-URPA) e os despachos administrativos.

A Xunta, afirmou Arias, “continúa mellorando as dotacións deste hospital para garantir aos veciños e veciñas da Mariña unha atención o máis ampla posible evitando desprazamentos a outros centros”.