Skip to main content
Burela

O PP de Burela acusa a Llano de incumplir un requirimento da Valedora

Por 15 Abril, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Burela denuncia que “o Sr. Llano volve incumprir a lei”. Así o manifestan os populares tras coñecer da man da Valedora do Pobo que “non respondeu ao requirimento que esta lle fixera a finais de febreiro e ao que está obrigado a responder por lei” en relación á denuncia que fixera o Grupo Municipal Popular de Burela ante a “absoluta opacidade que caracterizou o seu mandato ao longo do ano 2020”.

Dende as filas populares lembran que “das 23 solicitudes de información requiridas no 2020 dende o inicio do estado de alarma, o Sr. Llano non contestou a 15 delas sendo sabedor de que se trata de información que está nas dependencias do Concello e que ten a obriga de facilitala”.

Os populares pregúntanse entón “por que esta falta de transparencia. Se todo vai tan ben no Concello, tal e como el di, por que oculta a información que dende o Grupo Municipal Popular lle pedimos”, preguntan. “Que ten que ocultar o Sr. Llano?”, insisten.

Incumprimentos reiterados

Tal e como explican dende o PP, “ao Sr. Llano parece que iso de cumprir a Lei non lle cae moito en gracia e por iso decidiu infrinxila novamente ao non contestar á petición formulada pola Valedora do Pobo. Pero non é a primeira ocasión”,  aclaran. “Tódolos veciños poden comprobar que isto se repite sistematicamente nos numerosos plenos telemáticos emitidos”.

Os populares explican que “no último deles, por exemplo, non presentou a tempo a documentación que era obxecto de debate nin deu conta da morosidade do Concello no referente ás facturas impagadas do ano 2020, punto que figuraba na orde do día e que dende secretaría tampouco lle advertiron”.

Por outra banda, “e segundo se pode observar na gravación do propio pleno, o Sr. Llano di en referencia á última ordenanza que vai a lastrar máis a economía dos veciños e veciñas de Burela, que a súa aprobación non supón que se lles vaia a aplicar dita ordenanza”.

Dende o PP burelés non entenden “como é posible que un alcalde, coa máis mínima seriedade, poda recoñecer publicamente que non vai aplicar unha ordenanza municipal que el mesmo aproba”. Nese sentido aclaran que “ao alcalde Llano sóbralle descaro para recoñecer publicamente que vai a infrinxir as normas”.

Para os populares está claro que “o Sr. Llano e o seu equipo pretenden facer de Burela o seu feudo particular, pois considéranse por riba do ben e do mal, seres superiores que non están suxeitos nada máis que aos seus propios caprichos” e advirten que “dende o PP non o imos consentir. Houbo un tempo ao que este tipo de actitudes déspotas se lles denominaba caciquís, esperemos que o Sr. Llano e o seu equipo de goberno non traten de rememorar ese tempo”, conclúen.