Skip to main content
BurelaCultura AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXA

Juanma Marrube, Pescados Rubén FS: “Do que máis orgulloso me sinto é de darlle identidade ao club”

Por 18 Abril, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O extécnico do Pescados Rubén Burela FS, Juanma Marrube, fala así da súa traxectoria na entidade laranxa e da súa recente destitución

Juanma Marrube, comezou a formar parte da familia laranxa na tempada 03/04, cando o equipo se xogaba a fase de ascenso á Segunda División. Tras dúas tempadas mudouse ao Azcar Lugo, pero volveu a Burela para colgar as botas no 2014 e, máis tarde, para poñerse o traxe de adestrador. No 2017 tomou o mando do Pescados Rubén, conseguindo o loado ascenso á Primeira División (18-19) e máis dúas ansiadas Copas Galicia. Este curso 20/21 asumía a súa cuarta campaña ao fronte dos laranxas, pero no mes de febreiro anunciou que se despedía do cargo de técnico. Este referente do fútbol sala, coñecido como El Mariskal, fala agora dos seus inicios como adestrador, do balance destes anos no Burela e máis da súa destitución.

Como asumiches a túa retirada do parqué?

Foi un cambio para o que xa estaba moi mentalizado, non me costou moito. Opereime das costas e despois xoguei ano e medio aínda, pero ía facer 35 anos e tampouco quería hipotecar moitas outras cousas, rematar estando ben de saúde. O deporte de alto rendemento tal como tiña as costas e con esa idade… podería ter problemas. O club deume a seguridade de que ía quedar vinculado a el e iso axudoume a levalo mellor. Foi unha decisión moi consensuada ca entidade e tanto eu coma o club axudámonos por ambas partes. A relación que segues tendo co fútbol sala dende outra óptica tamén te axuda porque non é unha desconexión total.

Tiñas claro que unha vez te retiraras seguirías vinculado así co deporte?

Tiña moi claro que quería ser adestrador e fixen o transito. Xa desde moi novo cando xogaba chegaba a casa e anotaba as cousas que me gustaban doutros adestradores. Tiven a fortuna de ter adestradores brasileiros, de competir con moitos xogadores diferentes ao xogar tamén fóra de Galicia e tiña esa inquietude de chegar a casa e anotar cousiñas. Íame facendo unha visión do que era o deporte e o fútbol sala, do que me gustaba e do que non. Eu creo que sempre fun un pouquiño adestrador cando aínda era xogador. Cando a etapa de xogador se termina a cabeciña e o corazón díxome que ese era o meu camiño.

Cal sería o balance de estes catro anos co Pescados Rubén?

O balance é tremendamente positivo, a oportunidade de facer que o equipo ascendera foi unha oportunidade para ter peso no equipo e para reflectirme como adestrador. Logramos facer un proxecto bo con xente da casa, con xente galega, sobre todo do que máis orgulloso me sinto é de darlle identidade ao club. A un equipo que ano tras ano estaba cambiando, démoslle identidade e solidez, que é o que che permite ascender. Co que me quedo é co feito de coller o equipo en Segunda División e transformalo, deixalo asentado esta segunda temporada en Primeira División, sen estar nunca en perigo de descenso. E tamén foi moi importante conseguir dúas Copas de Galicia, nese  sentido foi tremendamente positivo, pero de novo, por riba de todo é a cultura e a identidade que deixas. É do que mais orgulloso estou. A forma de traballar deixa entrever ese legado e para min iso é o máis importante aínda máis que de ascender desa forma brillante.

Malia esa sobresaínte traxectoria, tómase a decisión da destitución

Son cousas do club, as directivas toman as decisións pensando sempre o que é mellor para o club. Eu asumino con enteireza e tranquilidade porque o traballo e os feitos están aí, son situación que dentro do deporte profesional van a ocorrer e fano pensando no mellor para o club. As veces costa entender o porqué, pero forma parte do deporte, nada de gardar rancor. Son catro anos nun club e dentro da cultura deportiva que temos no noso país iso é moito tempo. Hai entidades que nunha mesma tempada teñen dous ou tres adestradores. Son culturas, igual noutra cultura como na inglesa os adestradores están como mínimos están catro ou cinco anos e volven renovar. Son conceptos deportivos e culturais diferentes, pero sempre se toman as decisións pensando nos equipos. Con iso me quedo, con que é unha situación normal e natural que pode ocorrer e, ao mesmo tempo, co traballo ben feito porque os feitos son as mellores palabras.

Agradeciches moito o apoio recibido por xogadores, corpo técnico, empregados do club…

Para min o apoio recibido por parte de todo o mundo, unha vez votada a vista atrás destes catro anos, que che din “o que conseguistedes”… Ese apoio unánime foi importante para darlle valor aos catro anos. Que a xente coa que traballas se identificara dende o primeiro momento co rumbo que tomamos, que os xogadores que axudaron a transformar este club, tanto os que estiveron un ano coma catro anos, e incluso adestradores rivais que che transmiten ese apoio de sorpresa e satisfacción… iso é moi relevante.

Como ves o futuro inmediato do equipo?

O equipo non vai ter ningún tipo de problema, lles auguro o mellor, que parece que non van a ter ningún tipo de problema a liña do equipo é a que é. Estivemos na marxe de equipos que por presuposto e por capacidade se te acompañan os resultados podes estar sobre o noveno ou décimo posto e, se non te acompañan un pouco máis abaixo. É un pouco a realidade e o marxe deportivo que ten o equipo neste momento.

E os teus plans de futuro?

O futuro agora é incerto. Estamos nese peaxe de final de temporada, moitos clubs farán balance do que conseguiron esta temporada e dos seus obxectivos. O Burela tamén me transmitiu a tranquilidade e a seguridade de poder seguir vinculados nun futuro noutra faceta. A día de hoxe non sei o que vai ocorrer, pero no que estou enfocado agora é en devolverlle á familia o que lle roubei. Ao mesmo tempo continúo aproveitando moito a cantidade de horas que teño agora, é unha ventá de oportunidades para seguir formándome e dedico todo o meu tempo de ocio ao propio traballo no fútbol sala. Cando sexa, valorarei as miñas intencións de cara a vindeira campaña, pero de momento moita tranquilidade.