Skip to main content
Burela

Burela podería multar aos donos de animais que non recollan os excrementos

Por 24 Abril, 2021Abril 25th, 2021Sin comentarios

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, fai unha chamada aos propietarios de cans para que recollan as feces das súas mascotas das rúas, prazas e xardíns. E lembra que estas condutas, consideradas infraccións leves, poden ser sancionadas con multas que van desde os 100 aos 750 euros.

A edil burelesa fixo fincapé “na crecente preocupación que temos debido ao aumento de feces de cans nas rúas, prazas e xardíns do noso pobo. Se ben é certo que a maioría das persoas que teñen can recollen os seus excrementos, hai uns poucos que non son tan respectuosos e que xeran unha situación negativas para todas as veciñas e os veciños”.

Toñi Eijo sinalou que “recoller as feces dos cans pode non resultar agradable, pero é moi importante para manter o noso pobo limpo, hixiénico e para ademais coidar do medio ambiente. Toparse con eses excrementos na rúa é moi desagradable, non só polo cheiro, senón tamén polo risco de pisalos e polo dano que provocan nos xardíns do noso pobo”.

A concelleira de Medio Ambiente lembrou que “na normativa municipal existente considérase unha infracción leve ensuciar a vía pública como consecuencia da tenza de animais, non levando bolsas, permitindo as súas defecacións en zonas non autorizadas e non efectuando a súa recollida. Esas condutas poden ser sancionadas con multas que van desde os 100 aos 750 euros. É a Policía Local a encargada de velar polo cumprimento de dita normativa”.