Skip to main content
Cervo

Cervo porá en valor os bens arqueolóxicos do municipio

Por 16 Abril, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo, a Asociación Mariña Patrimonio e a Universidade de Santiago traballarán conxuntamente na posta en valor do abondoso patrimonio arqueolóxico do municipio.

Así o anunciaron, o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Patrimonio, Dolores García Caramés, logo de manter unha primeira toma de contacto con responsables da asociación e investigadores da USC para definir as liñas de actuación deste convenio de colaboración para a o estudo e a difusión do patrimonio arqueolóxico do Concello de Cervo.

O proxecto, que se detallará polo miúdo en sucesivas reunións que se celebran con carácter periódico, contempla prospeccións nos diferentes xacementos, sondaxes no Castro de Rueta, visitas guiadas ao xacemento durante os labores de escavación, conferencias cos resultados finais e charlas nos centros educativos, entre outras actividades.

Ademais, tamén se prevé a incorporación de estudantes da USC en prácticas para que poidan completar a súa formación sobre terreo, da man de investigadores consolidados na materia, con recoñecida experiencia e coñecementos.

O rexedor e a edil amosaron o compromiso do Concello para materializar o proxecto  este mesmo ano, e ofreceron toda a colaboración municipal para “poder seguir avanzando na posta en valor dos abondosos recursos patrimoniais e arqueolóxicos do municipio”.

Villares e Caramés agradeceron a visita e o interese amosado polos investigadores da USC no patrimonio cervense e gabaron o extraordinario labor desenvolvido por Mariña Patrimonio “que ademais de facer de mediadores coa propia universidade, levan moitos anos realizando un traballo impagable que comparten xenerosamente con toda a veciñanza permitíndonos descubrir aspectos do noso pasado descoñecidos en gran parte; que queremos poñer en valor, dar a coñecer e preservar”.