Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo activa unha nova liña de axudas

Por 27 Abril, 2021Abril 28th, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo activa unha nova liña de axudas que está dirixida á hostalería “como un dos sectores máis golpeados pola pandemia que viu e segue a ver tremendamente limitada a súa actividade e que tivo que afrontar continuos peches derivados da situación sanitaria”, tal e como apuntou o rexedor, Alfonso Villares; que presentou o novo plan acompañado pola edil de Facenda, Dolores García Caramés.

O rexedor explicou que a Administración local aportará 1.000 euros procedentes das arcas municipais a cada un dos 34 establecementos que xa solicitaron o Plan de Rescate da Xunta.

Esta nova liña de apoio é froito dun convenio de colaboración subscrito coa Administración autonómica –explicou- “que permite articular mecanismos de xestión áxiles para que as axudas cheguen o antes posible aos seus destinatarios”.  Así, o Concello de Cervo complementará con eses 1.000 euros directos a contía da axuda autonómica que vai desde os 1.900 aos 3.700 euros, en función da extensión do tempo dos peches decretados e do número de persoas traballadoras ao seu cargo.

Esta axuda municipal –recordaron- “vén sumarse á exención do pago das taxas de auga, lixo, saneamento e terrazas que se aplicará durante 14 meses a partir de xullo”, coincidindo cos períodos de maior consumo”. Por esixencias normativas, a partir desa data, con carácter bimensual, emitiranse recibos por un valor absolutamente simbólico de ao redor dun euro. A modificación destas ordenanzas, de feito, xa foi aprobada no pleno ordinario municipal.

A edil e o rexedor subliñaron outras medidas que se foron aplicando desde que se declarou a pandemia para axudar ao sector na medida do posible “non se cobrou a taxa do lixo desde mediados de marzo e ata que se levantou a obriga de peche total en maio;  tamén se facilitou a ampliación das terrazas nos espazos públicos sempre que foi posible; e desde o 15 de marzo non se emitiu ningún recibo pola ocupación da vía pública”.

Así mesmo, tamén se dispuxo un plan de reactivación económica e social dirixido a todas as persoas autónomas do Concello que se puxo en marcha no pasado exercicio. 

Villares quixo recoñecer o esforzo que está a facer, neste caso, todo o sector da hostalería e da restauración para sobrepoñerse a unha situación inédita que está a poñer ao límite a unha actividade económica fundamental para o noso municipio “por iso penso que a colaboración institucional, nun caso como este, é prioritaria, porque o único que importa é gañar en operatividade buscando a fórmula que nos permita ser máis áxiles na xestión; e este convenio vai nese camiño”, sentenciou.