Skip to main content
A Pontenova

Renovarán a estrada que une A Pontenova co lugar de Aldeguer

Por 15 Abril, 2021Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá 334.500 nas obras de reforzo do firme na estrada LU-741, que comunica o núcleo da Pontenova co lugar de Aldeguer (onde conecta coa estrada provincial LU-P-1904).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a mellora executarase en toda a lonxitude da vía, de 5,13 quilómetros. Os traballos, licitados recentemente, teñen un prazo de execución estimado de seis meses.

As obras incluirán a execución de fresados localizados e reposición do firme con mestura bituminosa en quente a carril completo no treito urbano da Pontenova. A partir dese punto e ata o final da estrada de titularidade autonómica en Aldeguer dotarase a vía dunha nova capa de mestura bituminosa en quente en todo o ancho da plataforma e en todo o percorrido. Posteriormente renovarase a sinalización horizontal.

Arias explicou que a actuación está incluída nun contrato de reforzo do firme en tres estradas autonómicas, que tamén contempla melloras na LU-636 ao seu paso por Becerreá e na LU-546 -entre Nadela (Lugo) e Maceda (O Corgo) e na travesía de Sarria-. Todas estas actuacións foron licitadas recentemente por un importe total próximo aos 1,7 millóns de euros. As empresas interesadas en presentar ofertas a este contrato poden facelo ata o día 19 de abril.

O delegado salientou que a Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), segue a planificar obras co fin de modernizar as estradas da provincia de Lugo e garantir a seguridade no tránsito.