Skip to main content
Ribadeo

Unhas 6.000 persoas pediron autorización para visitar As Catedrais

Por 6 Abril, 2021Sin comentarios

Coincidindo co último día, ata o próximo período, no que será necesaria autorización da Xunta para poder acceder ao Monumento natural praia das Catedrais, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, estivo na zona para facer un balance sobre a afluencia rexistrada nos últimos 10 días.

Puxo como exemplo de investimento en turismo o areal de Ribadeo, un espazo no que o seu departamento investiu máis de 1,35 millóns de euros desde 2015 e que este ano se consolida como unha boa alternativa de ocio para aquelas persoas que buscan realizar actividades en espazos abertos e de forma segura.

Desde o pasado 27 de marzo, indicou que preto de 6.000 persoas solicitaron a través da web habilitada pola Xunta o permiso necesario para visitar o monumento e explicou que, a raíz da aprobación do Plan de conservación das Catedrais en 2015, a Semana Santa é unha das épocas do ano nas que as visitas á zona quedan restrinxidas a 4.812 persoas ao día.

Os datos de afluencia, aínda provisionais, indican un descenso con respecto ao mesmo período de 2019, último ano de referencia, xa que cómpre lembrar que en 2020 non se concederon autorizacións debido ás restricións impostas pola covid.

En todo caso, a conselleira indicou que se trata dun dato que hai que enmarcalo nun contexto “atípico” como o actual e que provocou en todo o mundo unha caída drástica e xeneralizada dos fluxos turísticos.

Co fin de controlar o acceso ao monumento natural e facilitar información e axuda ás persoas que o visitaron durante esta Semana Santa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda activou sobre o terreo, durante os últimos 10 días, un dispositivo especial integrado por 7 traballadores. Encargáronse da comprobación in situ das autorizacións de acceso, do control da zona de aparcamento e do tránsito de vehículos, e da realización de visitas guiadas gratuítas polo monumento natural. Así mesmo, un axente medioambiental tamén estivo pola zona, coincidindo sobre todo coas horas de baixamar, nas que adoita concentrarse a maior afluencia de xente na praia.

Pola súa banda, o alcalde, Fernando Suárez, avogou esta diante da conselleira pola posta en valor do plan especial das Catedrais elaborado polo Concello. Para o rexedor hai dúas actuacións importantes a acometer: un aparcadoiro para acoller o transporte público e o privado así coma o apeadoiro de Feve e a creación de carreiros de madeira ou de saburra cuns miradoiros para que a xente desde arriba poida ver As Catedrais con seguridade en marea alta.