Skip to main content
Ribadeo

Esterilizados 20 gatos en Ribadeo dende que comezou a campaña

Por 7 Abril, 2021Sin comentarios

A Concellaría de Medio Ambiente fai un balance positivo da campaña de control das colonias gatunas que deu comezo hai dous meses. En total xa foron esterilizados 20 gatas e gatos. O  edil Jorge Díaz Freije agradece a implicación do voluntariado e das dúas clínicas veterinarias nesta iniciativa.

O concelleiro ribadense dixo que “o balance deste proxecto de control de colonias de gatos e gatas da vila no ámbito urbano é bo. Apenas levamos un par de meses, pero a verdade é que vai moi ben. Isto é grazas a todo o voluntariado que se está implicando sen ningún problema e tamén grazas ás clínicas que están moi interesadas en que todo vaia para adiante”.

Díaz Freije sinalou que “aproximadamente van uns vinte gatos e gatas, a maioría son gatas. Todos estes focos que tíñamos en previsión estamos pouco a pouco intervindo neles e en todos se vai collendo algo. O gato é un animal bastante desconfiado e se a persoa que normalmente lle dá de comer non está é complicado collelo. Estamos indo agora pouco a pouco por outras zonas que tamén están afectadas”.

O edil de Medio Ambiente reitera as grazas ao voluntariado: “quero darlle a miña noraboa porque están a facer unha gran labor de veciñanza e creo que isto que vai por bo camiño”.

Jorge Díaz engadiu que “no Concello temos un pequeno presuposto para todo isto e en canto se chegue ao tope teremos que parar, pero despois haberá máis capítulos. Temos fichas e están rexistrados para darlle unha forma legal  a todo isto que poidamos trasladar a outras administracións para que poidan colaborar con esta iniciativa tanto voluntaria como veciñal e do Concello”.