Skip to main content
Ribadeo

Comezaron as obras de mellora da rúa da Estación de Ribadeo

Por 15 Abril, 2021Sin comentarios

Comezaron as obras de mellora da rúa da estación, que discorre paralela á vía de Feve. O alcalde, Fernando Suárez, salientou que se trata dunha arteria principal que dá servizo ás parroquias do interior e a moito tráfico pesado. O vieiro terá dez metros de ancho, contará cunha beirarrúa, con nova iluminación led, árbores e mobiliario urbano. O investimento ascende a máis de 350.000 euros dos que 280.000 son aportados pola Deputación de Lugo, a través da Área de Medio Rural, e 79.000 euros proceden de fondos propios do Concello de Ribadeo.

O rexedor ribadense dixo que “logo de moitos malos momentos, de moitos problemas que tivemos que ir superando, desde obter a titularidade deste vial, a confección dun proxecto moi complexo e desde logo conseguir o financiamento necesario para resolver de maneira axeitada o amaño desta arteria principal de Ribadeo que, aínda estando en plena vila, dá moito servizo ás parroquias do interior ao saír moita carga pesada por alí”.

Suárez Barcia sinalou que “imos amañar integralmente a rúa da estación, ampliando o ancho do viario a dez metros, coa construción tamén dunha beirarrúa nunha das súas marxes, coa colocación dun novo sistema de iluminación led, coa colocación de árbores e diverso mobiliario público. Ademais aproveitaremos para amañar a rúa adxacente, que é a rúa Segundo Moreno Barcia”.

O alcalde subliñou que “unha vez máis, a Deputación Provincial, dentro da Área de Medio Rural, foi determinante para axudarnos a financiar esta importante obra cunha achega de 280.000 euros, que foi un 78%, e con 79.000 euros do Concello, que puxemos con fondos propios. Así puidemos completar o orzamento total de 359.000 euros, que é o que vai custar mellorar completamente este viario”.

Fernando Suárez engadiu que “foi unha pena que a Xunta de Galicia, despois de térsenos asegurado no pleno da Corporación por parte do PP local que desta volta ía poñer si ou si, ao final coma sempre foi non. Con todo, xa estamos afeitos a estes desplantes e oxalá no futuro inmediato cambien a súa actitude porque sempre será positivo para Ribadeo. Pero mentres iso non aconteza, como sempre, nós ao noso que é seguir transformando Ribadeo para mellor”.

O inicio dos traballos na rúa da estación foron supervisados este mediodía polo alcalde, Fernando Suárez, pola responsable da Área de Medio Rural da Deputación, Mónica Freire, que tamén é concelleira de Obras en Ribadeo, e polos edís de Medio Ambiente e Cultura, Jorge Díaz e Pilar Otero.