Skip to main content
A FonsagradaCastroverdePol LUGOXAPol TERRACHÁXARibadeoTrabada

Os centros de maiores da Deputación celebraron o Día do Libro

Por 24 Abril, 2021Sin comentarios

A rede de Centros de Atención a Maiores (CAM) da Deputación de Lugo conmemorou durante toda a semana o Día do Libro con actividades nas cinco residencias provinciais. Os usuarios e usuarias participaron na lectura de textos e na gravación de vídeos, onde se pode ver aos residentes lendo fragmentos literarios e que se proxectaron en todos os centros o 23 de abril, coincidindo coa efeméride.

Os CAM organizaron un certame fotográfico baixo o título Ollada a un libro. As persoas usuarias elixiron un lugar do centro onde lles gustaría ser fotografados lendo un libro de xeito individual, parellas e en grupo. Nas imaxes pódese ver aos residentes posando nas habitacións, nas salas comúns ou no exterior. O xurado, formado por profesionais da área de Promoción Económica e Social da Deputación, fallaron este 23 de abril o resultado e gravaron un audiovisual para comunicar a decisión nas residencias.

Así mesmo, os residentes animan a familiares, colexios dos municipios e traballadores a participar no primeiro certame de Seniorpía. Trátase dunha proposta literaria en forma de relato, comentario ou poema, nacida en marzo no CAM de Ribadeo, cun máximo de 141 caracteres onde cada palabra leva o mesmo número de letras que cada cifra do número Pi. Os gañadores deste certame, que poden participar en Categoría Pía de 0 a 14 anos e Categoría Senior de maiores de 15 anos, serán elixidos polos propios residentes. O fallo darase a coñecer o 29 de abril, coincidindo co Día Europeo da Solidariedade e Cooperación entre Xeracións.

Estas actividades enmárcanse no calendario de actividades que, anualmente, se celebran nos centros provinciais e que permiten “ademais de manter o ánimo dos usuarios e usuarias, é un bo xeito de que exerciten a súa memoria, a capacidade de atención e a creatividade. Estas iniciativas propician o traballo en grupo e o sentimento de comunidade, xa que todos traballan como unha rede”, recoñece o Presidente da Deputación, José Tomé Roca.