Skip to main content
Viveiro

Viveiro integra á comunidade xorda na programación cultural

Por 8 Abril, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro, a través da súa Concellería de Cultura, asinou un convenio de colaboración coa Fundación La Caixa e CaixaBank para a adquisición de cinco mochilas vibratorias Subpac que garantizan a accesibilidade da comunidade xorda á programación cultural municipal.

Ao acto de presentación asistiron por parte do concello María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura; e Victoria Baamonde, concelleira de Benestar Social; e por parte de Caixabank Elena Rodríguez Ferreiro; Marcos Lloves (director da oficina de Viveiro), e Gonzalo Balseiro. Estiveron tamén Miriam Aller Álvarez (intérprete de entresignos) e Fabián Ben (productor de Superarte).

O evento estivo ademais apadriñado por membros da familia Vázquez TV, Mari Carmen Villar Mato e José Vázquez Gabieiro, unha familia influencer e divulgadores da comunidade xorda cuxo membro máis novo, Iván Vázquez, xa fora embaixador do II Certame de teatro feito por persoas con diversidade funcional, Superarte.

“A experiencia de Superarte abriunos unha porta á diversidade funcional e foi a orixe dun proxecto máis ambicioso, ‘Viveiro Inclúe’, que aspira a facer do noso concello un lugar accesible para as persoas con diferentes tipos de diversidades funcionais, cognitivas ou psicolóxicas; dentro deste proxecto global propuxemos á Fundación ‘La Caixa’ e CaixaBank a adquisición destas mochilas vibratorias”, explicou a concelleira Lara Fernández.

Pola súa parte, a alcaldesa de Viveiro lembrou “a nosa amplia e variada programación cultural, polo que este equipo de mochilas vibratorias é un paso adiante fundamental para facer accesible dita programación ás persoas xordas ou con algún tipo de disfunción auditiva, dándolles visibilidade, concienciando á sociedade e facilitando a súa interacción coa contorna”.

As mochilas vibratorias transmiten a música mediante vibracións, facilitando así que as persoas xordas ou con disfuncións auditivas tamén poidan vibrar nos concertos. Son unha das ferramentas que poden achegar a cultura, e neste caso a música, ás persoas con discapacidade auditiva, permitíndolles gozar dela doutra forma pero en igualdade de condicións que calquera outra persoa.

Con motivo da presentación das mochilas vibratorias, a Concellaría de Cultura creou tamén un programa de sensibilización coa lingua de signos (LSE) a través dun contacontos en LSE e un curso online de formación en lingua de signos de 40 horas.

“Como alcaldesa, estou especialmente satisfeita e orgullosa de ver como este tipo de iniciativas se levan cabo, xa que este obxectivo de ser un Concello inclusivo é unha das prioridades para o noso grupo de goberno”, rematou María Loureiro.