Skip to main content
Viveiro

Viveiro destinará 1,88 millóns a gasto social

Por 11 Abril, 2021Abril 13th, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro aprobou nun pleno celebrado esta semana os Orzamentos Municipais para o presente exercicio.

Trátase duns orzamentos de emerxencia e esencialmente sociais, nos que o peso da partida destinada a servizos sociais, que ascende a 1.880.000 euros, ocupa un lugar destacado. Saíron adiante grazas ao acordo do grupo de goberno con Por Viveiro.

“Nestes tempos de pandemia, a prioridade do Concello ten que ser a protección social das familias, maiores, dependentes ou colectivos en risco de exclusión; non podemos deixar a ninguén atrás”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Grazas aos case 1,9 millóns de euros da partida pódense desenvolver os seguintes programas: Información e asesoramento, centro de información á muller, atención á poboación inmigrante (asesoramento xurídico, atención social e medidas de inserción), plan de inclusión social, escola infantil municipal, voluntariado social e xuvenil, etc.

Dentro desta partida destaca a cantidade 1.177.848 euros que van destinados ao Servizo de Atención ao Fogar (SAF), incluíndo o servizo de libre concorrencia e o servizo de dependencia. Neste sentido cómpre destacar que o Concello de Viveiro destina parte do Plan Único da Deputación de Lugo para 2021 á xestión do SAF de Libre Concorrencia, por un importe de 200.000 euros.

Dentro dos presupostos aprobados consignase, ademais, unha partida adicada a emerxencia social para as familias en perigo de exclusión social e  institucións sen fins de lucro, por un importe de 45.000 euros.

Finalmente, dentro do capítulo de servizos sociais, na área de atención ao alzheimer, inclúese unha subvención nominativa para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFA) por un importe de 15.000 euros.