Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro manterá a gratuidade na escola infantil para o segundo fillo

Por 15 Abril, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro non cobra desde o 1 de xaneiro a matrícula na Escola Infantil Municipal para o segundo fillo ou filla e sucesivos pertencentes á mesma unidade familiar, unha medida que continuará no próximo curso académico.

Esta bonificación do 100% das cantidades correspondentes á matrícula do segundo fillo ou filla e sucesivos pertencentes á mesma unidade familiar é posible grazas á modificación da Ordenanza Fiscal núm. 44, reguladora dos prezos públicos do servizo do centro de atención á primeira infancia no Concello de Viveiro, aprobada no Pleno que tivo lugar o 3 de novembro de 2020.

“Desde as administracións temos que dar máis pasos para fomentar a natalidade e facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, axudando aos pais e nais con medidas como esta matrícula gratuíta do segundo fillo ou filla”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Esta bonificación regúlase segundo o establecido na Disposición adicional novena da Lei 7/2019, de 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sendo o seu establecemento e aplicación voluntarios no caso das escolas infantís de 0-3 anos dependentes das entidades locais. 

O financiamento desta bonificación realizase por parte da Xunta de Galicia a través do Plan Concertado; no caso do Concello de Viveiro, que aplica un sistema de copago en contía equivalente á derivada do réxime de prezos establecidos pola Xunta de Galicia, a compensación por parte da Xunta de Galicia para a aplicación desta bonificación será pola cantidade íntegra.

Neste momento hai un total de 9 nenos e nenas matriculados na escola infantil municipal que cumpren o requisito para a gratuidade por esta bonificación.