Skip to main content
Viveiro

Piden a cesión gratuíta do antigo colexio de Celeiro

Por 17 Abril, 2021Sin comentarios

O Grupo Popular volverá a reclamar, a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia, a cesión gratuíta do antigo colexio de Celeiro, hoxe propiedade do Ministerio da Seguridade Social, para facer posible o traslado a este inmoble da escola oficial de idiomas. De materializarse esta mudanza permitiría, a súa vez, que a asociación Aspanane aproveitase os locais que deixa baleiros o centro de idiomas para crear a primeira residencia da comarca destinada a persoas con discapacidade intelectual.

Os populares acompañados de directivos desta asociación presentaron a iniciativa parlamentaria nas portas do vello colexio e insistiron nas vantaxes dunha dobre operación “de interese público e social” para a que xa contan co apoio explícito da Xunta de Galicia, do Concello de Viveiro e da Deputación de Lugo.

“Conseguiríamos evitar o deterioro do vello colexio e recuperalo para usos educativos. Manteríamos a escola de idiomas en Celeiro, nunhas instalacións máis amplas e renovadas e, o que aínda é máis importante, cumpriríamos o soño de moitas familias que agardan que os seus fillos, da man de Aspanane, estean atendidos nunha nova residencia, nas mellores condicións e xusto ao carón do actual centro ocupacional”, explicaron os populares.

Solo compra

Os populares reiteran esta petición despois de que a Xunta recibise a negativa por parte da administración central a facer unha cesión gratuíta do vello colexio, todo iso, a pesar de que na actualidade está pechado e sen uso. O Ministerio non está pola labor de facer esa transferencia e só permitiría unha venda do inmoble, “isto é, unha cesión con interese lucrativo”.

Desde o PP apuntan, unha vez máis, que non están a pedir nada que non se fixera en situacións similares e, en concreto, lembran que a Seguridade Social cedeu a título gratuíto inmobles sen uso como é o caso das casas do mar de Viveiro, San Cibrao, O Vicedo ou Foz, por poñer algúns exemplos de localidades próximas.

Todas as administracións fan concesións, excepto o Ministerio

Así mesmo lembraron que todas as administracións “excepto o Ministerio” están dispostas a facer concesións para materializar este proxecto. A Xunta, por exemplo, renunciaría ao uso das instalacións nas que está emprazada a escola de idiomas, a pesar de que a concesión está vixente ata 2075, e estaría disposta a financiar a obra de acondicionamento do antigo colexio de Celeiro, un custe que se repartirían a partes iguais a administración autonómica, local e provincial.

Ademais o Goberno galego continua comprometido co sostemento da escola de idiomas, o seu persoal e recursos, para que os que destina anualmente entorno a 600.000 euros e, por outra banda, garante a continuidade do apoio a Aspanane, grazas ao concerto de prazas e o respaldo a moitas das actividades desta asociación.

Acordo unánime e feitos

Os populares agardan contar coa unanimidade do resto das forzas políticas do Parlamento galego, apoio que xa obtiveron en novembro do ano pasado, na primeira ocasión na que foi debatida esta cuestión na Cámara galega. Iso si, consideran imprescindible “pasar das palabras aos feitos” e que desta vez, especialmente o PSOE, obrigue aos responsables do Ministerio “a rectificar a súa postura intransixente e atender esta petición”.