Skip to main content
Viveiro

Viveiro repartirá exemplares do libro ‘Cen historias máxicas pola Mariña Encantada’

Por 23 Abril, 2021Sin comentarios
Con motivo do Día do Libro, a Concellería de Cultura do Concello de Viveiro repartirá exemplares nos centros educativos do municipio do libro ‘Cen historias máxicas pola Mariña Encantada’, de Antón Reigosa.
A entrega dos libros ao concello por parte da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo foi nunha presentación do libro que houbo no Museo do Mar de San Cibrao.
A obra recrea historias sobre quince concellos da Mariña e complétase con 60 ilustracións de Neira Brochs.
“É un libro máxico que recolecta a riqueza do patrimonio cultural inmaterial da Mariña lucense, unha xoia que temos que preservar. Coidar este Patrimonio é moi necesario, xa que é o noso legado como pobo”, afirma a concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega.
“Trátase de relatos sobre encantos, milagres, seres e lugares lexendarios localizados na comarca”, explica o autor, Antón Reigosa.
Pola súa parte, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, agradece a entrega de exemplares por parte da Deputación e recomenda “a lectura dun libro moi noso, con historias e lendas que escoitamos na Mariña desde a nosa infancia”.