Skip to main content
Axenda Caducada

A artista Carola Carrot fará desde mañá un mural fronte ao Centrad de Lugo

Por 5 Abril, 2021Setembro 11th, 2021Sin comentarios

As actividades programadas polo Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) de Lugo para celebrar os Días Europeos da Artesanía comezan mañá martes, 6 de abril.  A carón da porta de entrada do centro, na rúa Chantada, Carola Carrot ocuparase da elaboración dun mural de esgrafiado, unha técnica baseada na superposición de capas de morteiro de cal de distintas tonalidades e texturas.

As persoas interesadas pódense achegar durante toda a semana ata o recinto para seguir a evolución dos traballos realizados pola artista, especializada nesta técnica de revestimento empregada en todo tipo de construcións tradicionais cunha función estética e illante.

O mural realizarase nun muro de formigón fronte á porta de entrada do Centrad polo que, ademais dunha experiencia formativa e didáctica, a intervención suporá unha renovación e mellora do recinto.

OBRADOIROS

Mañá tamén dan comezo os obradoiros previstos no centro de cestería do Río Rato durante toda a semana, a cargo de Lola Tourón, Carmen Fieiras e Idoia Cuesta, que amosarán diferentes técnicas ás persoas inscritas nos talleres, que teñen xa todas as prazas completas.

O martes haberá un obradoiro de restauración de celosías de vimbio vivo; o mércores, de iniciación á cestería de  médula; o xoves, de estruturas xeométricas coa técnica niño; o venres, de bandexa de vimbio; o sábado, de bandexa de médula de nó celta; e o domingo, de iniciación á cestería de varas.

Con estas propostas, o Centro de Artesanía de Deseño súmase á conmemoración dos Días Europeos da Artesanía, que se celebran do 6 ao 11 de abril de forma simultánea en vinte países. O obxectivo das xornadas é achegar o traballo artesán ao público, para difundir a súa riqueza e singularidade