Skip to main content
Axenda Caducada

Un ciclo de danza trae a Lugo catro compañías a vindeira semana

Por 9 Abril, 2021Setembro 9th, 2021Sin comentarios

O ciclo de danza ‘Atopémonos Bailando’ amplía a programación do auditorio Gustavo Freire de Lugo nos días 13, 16 e 17 deste mes de abril. Trátase dun proxecto de reactivación de espectáculos de danza impulsado polo Colectivo Glovo, formado por Esther Latorre e Hugo Pereira.

“Este ciclo reunirá a compañías emerxentes da danza contemporánea galega e lucense, ás que se unirán a investigadora Sabela Mendoza e a xornalista Nieves Neira”, explicou a edil responsable de Cultura, Maite Ferreiro, “Atopémonos Bailando é un encontro do público coa creación a través dunha programación de pezas curtas de danza acompañada de obradoiros para achegar este tipo de espectáculos á veciñanza”.

Os obradoiros comezarán o martes 13, ás 17.30 horas, a cargo de Cris Vilariño na Escola Palimoco. Vai dirixido a nenos e nenas de 9a 12 anos. O día 16, de 12.00 a 14.00 horas en streaming, haberá un obradoiro de Fran Martínez no Conservatorio de Danza de Lugo, dirixido a alumnado do centro. Xa o día 17, haberá tres obradoiros, todos no MIHL. Así, o obradoiro a cargo de Alejandro Balboa será ás 10.00 horas, o de Cía Exire ás 12.00 horas, e o de Diego M. Buceta e Atenea García ás 16.00  horas. Están pensados para todos os públicos.

En canto ás funcións, Alejandra Balboa, Cía Exire e Diego M. Buceta actuarán no auditorio municipal o día 16, ás 20.00 horas, mentras que o día 17, á mesma hora, será o turno das funcións de Cris Vilariño, Colectivo Glovo e Fran Martínez.