Skip to main content
Axenda Caducada

A Biblioteca Nodal celebra o Día do Libro

Por 22 Abril, 2021Abril 23rd, 2021Sin comentarios

A Biblioteca Pública de Lugo únese á celebración do Día internacional do libro, este venres, coa organización dun encontro co escritor lugués José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó, no que presentará o seu libro A Solo no le gustaba su nombre. A cativada poderá gozar tamén da conmemoración co espectáculo de Paco Nogueiras Extra!

Nado en Lugo e residente en Foz, Pepe Peinó escribiu varios libros en galego e é autor de case un cento de obras de teatro para diversos grupos afeccionados da Mariña luguesa, nos que tamén participou como actor. Ademais, dirixiu algo máis de dez filmes e varios documentais. No ámbito radiofónico, dirixiu e presentou Parolando en emisoras locais da Mariña e foi tamén colaborador habitual de diferentes programas.

O encontro terá lugar ás 19,30h. con acceso libre ata completar a cabida, de 20 prazas. Contará cun acompañamento literario, a cargo de Bernardo Penabade, profesor de Lingua Galega no Instituto Perdouro de Burela e membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega, e un acompañamento musical con Eloy de la Peña Rivas, quen interpretará tres pezas con gaita galega.

A Solo no le gustaba su nombre é unha historia triste, pero intensa, un drama sobre a vida dun home que se sentía so. Solo intenta enfrontarse coas súas propias armas á soidade, que o persigue de xeito inexorable.

Actividade para a cativada

Pola súa banda, 15 cativos e 15 adultos desfrutarán tamén o venres pola tarde da actividade Extra! baseada no libro-cd editado por Kalandraka. O espectáculo mestura cancións e interpretacións cos rexistros máis divertidos. Neste xornal musical ideado por Paco Nogueiras os temas dispóñense en distintas seccións onde cada composición aborda noticias nacionais e internacionais, de sucesos, culturais ou deportes, entre outras, así como opinión e pasatempos. Para esta actividade xa están todas as prazas cubertas.